Zas estreou a súa nova web municipal
Leva anos o Concello de Zas a súa web municipal. Non había moito que a renovara, pero co seu afán de estar preto da veciñanza, vén de darlle outro remozado. concellodezas.gal ten nova cara, un espazo máis accesible, intuitivo e cómodo, contando ademais con profesionais da comrca que saben moito de internet como son as empresas Madialeva e WP Nordés.
O Concello organizou un acto para presentar a nova web, que recolle todos os contidos e servizos de interese para a cidadanía, con apartados específicos de Turismo, Novas e actualidade, Axenda de eventos, Sede Electrónica e Tablón de Anuncios, entre outros, ofrecendo unha estrutura clara e adaptada ás necesidades actuais.
Durante a súa intervención, o alcalde de Zas destacou que “a páxina web é a ventá máis segura e completa coa que un Concello se presenta ao mundo e por iso quixemos mellorala en seguridade e accesibilidade, facéndoa máis moderna e presentando os contidos tanto en galego coma en castelán e inglés”.
Unha xornada centrada no ámbito dixital
Ademais desta presentación, as Torres do Allo tamén acolleron a conferencia ‘A Intelixencia Artificial na vida das persoas’, a cargo dos profesores premiados do IES Maximino Romero, Óscar Manuel Rey e Fina Paulos. Durante a súa intervención, os relatores ofreceron unha reflexión divulgativa sobre o impacto da intelixencia artificial no día a día da cidadanía, achegando esta tecnoloxía á realidade cotiá dunha maneira clara e accesible.
Nova canle oficial de WhatsApp
En paralelo, tamén se aproveitou esta xornada para avanzar varias novidades sobre a nova canle oficial de WhatsApp do Concello de Zas, unha ferramenta que substituirá ás actuais listas de difusión. Este novo sistema permitirá mellorar a comunicación coa veciñanza, facéndoa máis directa, áxil e ordenada, e facilitando o acceso á información municipal de interese.
