Zas mobilízase contra o peche da oficina de Abanca
Está previsto que o vindeiro 8 de setembro peche a oficina de Abanca situada en Zas. Un novo recorte de servizos para a veciñanza, da que se vén de enteirar o propio grupo de goberno, que “·se opón rotundamente ao peche”, xa que “supón un serio problema tanto para a veciñanza como para o comercio local xa que se lles priva da atención persoal”.
O propio concello está a comezar unha recollida de sinaturas en todos os comercios.
O propio rexedor, que intenta contactar con outros alcaldes/as da zona que tamén están sendo afectados por estes peches, lembra que “no noso concello temos unha poboación envellecida que, en moitos casos, ten dificultades para desprazarse a outras zonas como Baio ou Santa Comba para facer as diversas xestións bancarias. Este peche é un ataque máis ao rural galego ademáis de supoñer un novo abuso para a clientela xa que a maior parte non ten os coñecementos necesarios para xestionar a súa banca online obrigándoos así a que terceiras persoas xestionen as súas contas”.
Vai náis alá Muíño, lembrando que “Abanca foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e “malvendida por mil millóns de euros” a unha empresa que ano tras anos presenta beneficios a base de centralizar as operacións na banca virtual incrementando abusivamente as comisións e coa conseguinte destrucción de emprego e limitación da atención ao cliente”. “Todas e todos sufrimos o constante abuso do sector bancario co aumento das comisións e a reducción dos servizos ofrecidos e que axudan a engordar os beneficios da banca privada”.