![concurso-panxoliñas-zas]()
Os concellos da Costa da Morte comezan a facer as súas propias campañas para implicar aos veciños e veciñas nas festas do Nadal. Hoxe é o turno do
concello de Zas que, a través do servizo de Normalización Lingüística, presenta o concurso de Nadal
PanxoliñaZAS. O seu principal obxectivo é o de
fomentar o uso da lingua galega na sociedade en situacións informais e festivas ou lúdicas da veciñanza en xeral.
Trátase dun concurso de vídeos de panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis dirixido á veciñanza de Zas, sen límite de idade e no cal se poderá participar de xeito individual ou en grupo.
O prazo de presentación dos vídeos acaba o día 23 de decembro, e despois serán pendurados no
facebook do concello de Zas onde se poderá votar polos que máis nos gusten outorgándolles un “Gústame”.
Haberá un premio ao vídeo máis popular en facebook e outros premios do xurado (premio á mellor presentación, premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da nosa zona e premio ao mellor vídeo infantil) que consistirán nun diploma de recoñecemento e
mais vales de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.
Esta actividade tamén procura potenciar o desenvolvemento da creatividade, fomento do uso das Tic, traballo en equipo e bo aproveitamento do tempo de lecer de xeito saudábel, ademais de recuperar panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis que se cantaban nesta zona e que aínda se continúa a facer pero que corren o risco de desaparecer co paso do tempo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Zas