Zas presenta un completo Verán Cultural para todas as idades
Hai de todo, e pensado para todas as idades, no programa do Verán Cultural de Zas. Ademais dos campamentos de conciliación, o Concello propón unha trintena de actividades culturais, deportivas e didácticas en diferentes localizacións do municipio.
Parte das actividades están enmarcadas no programa de verán das Torres do Allo
Para a rapazada
Así, pensado para a mocidade en clave de conciliación, hai unha serie de actividades como os campamentos de verán ds Torres do Allo para nenos e nenas de 4 a 12 anos; o Deporcampus (do 19 ao 23 de xullo terán lugar no Campo de Baio para nenos e nenas de 6 a 14 anos); o Campamento Naturmaz (para nenos e nenas de 8 a 14 anos e realizarase os días 23, 24 e 25 de agosto); o obradoiro especial “O caderno de campo de Víctor López Seoane” (14 de xullo) ou as dúas grandes novidades: os talleres de Técnicas de Estudo, para mocidade de 10 a 14 anos no Centro Sociocultural de Baio; e a Escola de Río, da man da Federación Galega de Pesca para a mocidade de entre 8 e 18 anos, os días do 26 ao 30 de xullo no Coto de Baio.
Para os maiores tamén hai obradoiros de Axuda tecnolóxica os venres de xullo e agosto no Centro Sociocultural de Baioe obradoiros “Exercitando a memoria”.
Programa xeral
Para todos os públicos, se ben non haberá Festa da Carballeira de Zas si que haberá lío na Carballeira de Baio da man do Orballo Cultural, os días 31 de xullo (a partir das 18:00 horas) e o 1 de agosto (12:00 horas).
A lista de actividades é enorme:
• Apertura das piscinas municipais de Zas e de Baio durante os meses de xullo e agosto • Cursos de natación infantís e para adultos
• Festival de Música: A Escola de Música Moderna celebra o 4 de xullo o seu festival anual que terá lugar ás 17:00 horas na Praza do Concello
• Animación de rúa: O 10 de xullo as rúas de Baio estarán animadas co espectáculo “O estrano caso do dentista da rúa Brasov”. A partir das 20:00 horas
• Humor: O 11 de xullo ás 20:30 horas, Avelino González presenta nas Torres do Allo “Contos que foron chistes”
• Circo Acrobático: A Praza do Concello acolle o 17 de xullo o espéctaculo de circo acrobático “Máis alto aínda”, de Desastronauts
• Música nas Torres: Nastasia Zürcher ofrece un concerto o venres 30 xullo ás 19:00 horas nas Torres do Allo
• Concerto: O 7 de agosto, ás 21:00 horas, actúan na Praza do Concello o grupo de música Pan Sen Fron
• Música na Ponte de Brandomil: Fransy, Davide e Cibrán ofrecen o 14 de agosto ás 21:00 horas un concerto na Ponte de Brandomil
• Teatro na Carballeira de Baio: “Hábeas Corpus” é o nome da obra de teatro que nos trae o domingo 22 de agosto ás 20:30 horas a compañía Malasombra Teatro á Carballeira de Baio
• Humor na Fonte de Fornelos: O 28 de agosto Pepo Suevos levará o seu “Humor Salvaxe” ata a Fonte de Fornelos. Ás 21:00 horas
• Mercado de San Ramón: Coincidindo coa festividade de San Ramón, o 31 de agosto, as Torres do Allo acollen durante a mañá o tradicional mercado de San Ramón no que participarán varios postos de artesanía da zona
• Saídas Ao Aire Libre: os días 17 e 31 de xullo e 8 de agosto, ás 10:00 horas. O primeiro día a Ruta Fluvial de Baio; o segundo día a Ruta da Auga e o terceiro unha ruta por Brandomil
• Observación astonómica no dolmen da Arca da Piosa: o 6 de agosto no dolmen da Arca da Piosa para realizar unha observación astronómica guiada por Jorge Mira. A saída será ás 22:00 horas de Roma
• Visitas teatralizadas nas Torres do Allo: Todos os domingos de xullo e agosto e os dous primeiros do mes de setembro, ás 19:30 horas, Os Quinquilláns recrearán dun xeito moi divertido como era a vida na Torres do Allo hai cincocentos anos
Inscricións
Xa está aberto o o prazo de inscrición para estas actividades. Será necesario cumprimentar a folla de inscrición - que se pode descargar na páxina web do Concello de Zas - e, unha vez confirmada a praza, deberá realizarse o pago da actividade.
Máis información, de 09:00 a 14:00 horas:
• Centro Sociocultural de Zas: 981 751 398 • Centro Sociocultural de Baio: 981 718 056