Aspaber, 40 anos como entidade Fóra de Serie


Menudo broche final que puxo a familia de Aspaber aos actos polo seu 40 aniversario. A Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños celebrou esta pasada fin de semana unha gran gala no Pazo da Cultura de Carballo na que participaron os usuarios, os seus familiares e amigos, os socios fundadores e o actual equipo directivo.

Foi unha gala tremendamente emotiva, que repasou a historia da entidade. Para iso precisamente serviu a presentación o documental “Fóra de serie”, que xunto co libro do mesmo nome, debullan a historia da organización e co que queren transmitir a mensaxe do necesario que é loitar -e non renderse- para acadar as cousas que cremos importantes.
Fóra de serie exemplifica unha loita que malia todos os obstáculos foi capaz de lograr todas as aspiracións que se propuxo e converter en realidade o que, en principio, parecía imposible. Fóra de serie achéganos unha realidade que quere ser mostra do que, cada un de nós e todos xuntos, somos capaces de conseguir se confiamos nas nosas posibilidades e nos esforzamos por levalas a cabo. Fóra de serie é un proxecto coordinado pola empresa carballesa Phottic, que contou coa colaboración do xornalista Manuel Rey para escribir o libro e do documentalista Xosé Bocixa na parte gráfica. Manuel Rey salientou que foi el quen aprendeu moito destas persoas que coa súa historia cambiaron a súa vida persoal, mentres Bocixa destacou que a lectura final é que “capaces somos todos aínda que todos temos dificultades. Trátase de non poñer límites ao noso camiño. Trátase de andalo sen medo”. Pechou a ronda de intervencións o alcalde carballés, Evencio Ferreiro, quen sempre se distinguiu polo seu apoio á asociación.


O acto contou cun gran photocall, onde moitos dos protagonistas da reportaxe posaron como estrelas cinematográficas, e pechouse cunha gran tarta e o “Cumpreanos feliz”.
Para finalizar o acto un grupo representativo de usuarios de ASPABER subiu ó escenario para cantar o “Cumpreanos feliz” e soprar as velas dunha gran tarta.
Un pouco da historia de Aspaber
A Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (ASPABER) naceu en Carballo en 1976. Daquela eran moi escasas ou inexistentes as axudas, non só económicas senón tamén asistenciais, que prestaba o Estado así que un grupo de pais e nais desta comarca decidiron organizarse para procurar un maior benestar para estes nenos e xoves. Aquel foi o xermolo do que é hoxe ASPABER, convertido hoxe nun centro de referencia en España. A asociación -que xurdiu para atender a un grupo de persoas con discapacidade mental e ás súas familias e prestarlles axuda nas súas tarefas e na convivencia- conta 40 anos despois cun centro asistencial, un centro ocupacional e un centro residencial permanentemente atendido por educadores e fisioterapeutas e, incluso, transporte propio. Conta ademais cun centro especial de emprego que da saída laboral aos seus usuarios permitíndolles ser autosuficientes e integrarse plenamente na sociedade. Actualmente ASPABER atende a unhas 120 persoas con discapacidade intelectual (de 14 municipios da comarca) e da emprego a medio cento. A actividade de ASPABER, S.L. Centro Especial de Emprego, desenvólvese desde o ano 2000 no libre mercado con criterios de eficiencia, competitividade e calidade. Esta empresa conta cun avanzado soporte tecnolóxico para apoiar as distintas liñas de negocio nas que está especializada (reparación de produtos plásticos, xestión de puntos limpos, limpeza, xardinería, carpintería, escaiola, etc.) e con empresas colaboradoras como conservas Calvo, Galopín ou Carolina Herrera que xunto con concellos solidarios como os da Laracha, Malpica ou, moi especialmente Carballo, fan posible esta realidade.Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).