Venres. 26.04.2024
El tiempo

Días de Tormenta

Días de Tormenta
Adoito desfrutar dos días de tormenta, estes temporais de vento e auga azotando os cristais fanme ficar na ventá observando as árbores en continuo movemento, tirando de riñóns para aguantar o vendaval, olvidando diferencias étnicas e axudándose entre veciñas, xuntándose, abrazándose, protexéndose da compartida impotencia. Unha cortina de vaho ensombrece o cristal, a choiva convértese en momentánea catarata e a auga chisporretea como se as ventás foran o aceite duns fogares nos que se cociña vida rápida freíndo sabores e sentidos. Adoito desfrutar dos días de tormenta, dos airados berros dos deuses que ensombrecen o imaxinario humán da existencia, que empequenecen a fantasía dese mundo. Omnipotentes reis esixindo que bailen os bufóns ao son dos seus ventos, tirando de fios e enredando un mundo de marionetas pendidas de azarosos destinos. A mans dos deuses ridiculizar os nosos maiores logros. Adoito desfrutar do mar de dentes espumosos, ondulando pequenas mostras da súa bravura, inchando peito, amosando a sua forza e facendo estremecer a unha terra que se anica aos seus desexos, sumisa ante o cincelado erosivo das suas dentelladas. Vento e mar tocando os timbales da terra, sonoridade hipnótica que dende o perdido horizonte acala a mente e me somete a ausencia da palabra para facela presente nun pequeno atisbo de realidade que agoniza co moribundo subconsciente. Adoito desfrutar dos días de tormenta, pero hoxe non, hoxe mergullome na vida buscando un acceso de silencio nunha mente aturdida, salpicada e venteada de pensamentos relixiosos, científicos, profanos e mitolóxicos. Pensamentos que me dan momentaneos razonamentos irreais ante a limitada visión física que so suturan feridas superficiais que me amosan estúpida unha vida sen alma, imposibilitan reducirme a unha viscosidade animal de evolución antinatural, a unha probabilidade de encadeadas ostias espaciais de excepcións matemáticas. Adoito desfrutar dos días de tormenta, pero hoxe foise un amigo, unha desas persoas que pasan polo mundo tentando non facer dano, tentando respetar, tentando rirse cada día. Sí, é unha desas persoas e non é falar por falar etiquetando só o bo. A Ovidio Ferreiro Castiñeira levouno un cáncer con 31 anos un 9 de Novembro, e aquí estou eu, vivo e deixando voar a tristura entre o sonoro temporal que hoxe vexo con outros ollos con intermitentes recordos. Ovidio foise transformado nun sorriso e todo continua, nin creación nin destrucción so transformación, continua transformación. O corazón latexa con normalidade pero algo baixo a pel encóllese afogado pola tristeza, ficando de pé nun espacio atemporal insensible ante a vida que manten o teu corpo coa mirada perdida absorta nunca cortina de choiva, o vento enfurecido ensordecendo os oidos, o gusto salgado enchendo unha boca silenciada polos dedos oceánicos, humidade fría resbalando polas mans, estás vivo, teu corpo continúa a funcionar razoablemente, tanto como o dunha planta ou un animal, pero nese intre inexplicable para o teu suposto instinto, non estás refuxiado nalgunha cova, non te agazapas entre ramosos compañeiros, non estás, non estás … quizais parpadeando voltes dalgures que non coñecemos, que non somos quen de explicar. Baixo a tormenta da natureza, a orillas do embrabecido mar absorto en non pestañear, tento razoar sen pensar, sentindo a vida dende a distancia con un nudo na gorxa que o vento non desenreda, cunha mirada perdida que as altas ondas non atraen, o pensamento perdido voa caóticamente. Non sei que carallo é a vida, non sei de que coño vimos por moito que me señalan a miña nai. Pestañeo chamando ao sorriso cunha mueca a realidade, desta volta ven a trompicóns, tristón. Pensamento idiota e sen sentido tan válido como calquera outra cousa para continuar inspirando, expirando. Continúen.
  • Xabier García (xabiergl[arroba]quepasanacosta.gal).

Comentarios