Imprimir

Eva Rama: "É importante que a xente se atreva a quedar nos pobos pequenos"

que pasa na costa | 25 de marzo de 2019

Eva Rama, natural de Ponteceso, é a creadora de Entretendo.
Eva Rama, natural de Ponteceso, é a creadora de Entretendo.

A empresa Entretendo, ubicada en Ponteceso, ten arredor de 13 millóns de subscritores nas súas seis canles de Youtube, coas que entreteñen a milleiros de persoas.

Unha chea de creacións audiovisuais, na súa maioría vídeos infantís, para plataformas dixitais como Youtube, Facebook e Instagram. Isto é o que sae cada día dun piso de Ponteceso, ubicado na rúa Aduana, a través da empresa Entretendo SL.

Os seus creadores son Eva Rama Martínez, natural de Ponteceso, e o seu marido David Pombo Rivera, de Cesullas, en Cabana de Bergantiños. “Foi todo un pouco casual. Eu empecei a facelo de modo caseiro e xusto cando me empezaba  a ir ben, ata o punto de plantexarme vivir deste traballo, o meu home tivo un accidente que nos cambiou a vida. Foi entón cando decidín facerme autónoma e traballar disto, xa que me permitía ter un seguro e soldo, ademais de poder atender á miña familia”, conta Eva.

Ademais de Eva e David, en Entretendo traballan dous ilustradores, dous animadores 2D, un xestor de redes sociais e tres técnicos audiovisuais. Todos son da provincia da Coruña, cunha boa representación da Costa da Morte. “É importante que a xente se atreva a quedar nos pobos pequenos, e non marchen para as grandes cidades. Foi un pouco difícil atopar profesionais desta rama pola nosa zona, pero sempre acaba aparecendo alguén”.

Non hai moitos anos, a idea de emprender un negocio ou empresa  parecía que só era posible para aquelas persoas cun importante capital. Mais a invención das novas tecnoloxías permite agora que calquera persoa poida facer realidade os seus soños a través das ‘startup’, ou o que é o mesmo, empresas de nova creación que presentan grandes posibilidades de crecemento.

Entretendo é un bo exemplo de Startup. Unha empresa moderna dirixida a diferentes públicos e que abarca diversos campos: desde a divulgación científica, social ou histórica ata o entretemento infantil. Teñen arredor de seis canles, algunha delas moi coñecida na zona por algunhas das colaboracións que teñen feito con este mesmo medio. Falamos de Eres Curioso, o seu último traballo, co que ilustran e animan datos e curiosidades para todos os públicos. “A verdade é que este novo proxecto está tendo moi boa acollida. Os resultados, por agora, son moi bos”, engade Eva. Todas estas canles acumulan 13 millóns de subscritores en Youtube, 35.000 seguidores en Instagram e 25.000 en Facebook, unha cifra que nestas dúas últimas redes agardan seguir aumentando, xa que aínda acaban de comezar.

Moitos dos que chegarades ata aquí seguramente vos esteades preguntando cal é a monetización de todo este traballo. A resposta é sinxela. O resultado está nas reproducións. Youtube paga pola reprodución de cada vídeo. Un mercado que a priori pode parecer vantaxoso, pero no que cada vez hai máis competencia. “Hoxe en día é moi difícil crear unha canle de Youtube desde cero como se facía hai uns anos cando nós comezamos. Temos que estar sempre innovando para non quedarnos atrás respecto aos nosos competidores”, explica a empresaria pontecesá, e engade: “Agora mesmo, pregúntaslle a un neno que quere ser de maior e respóndeche que Youtuber, pero ese cativo non é consciente de todo o que hai por detrás. Este é un sector complicado no que non hai unha fórmula exacta para garantir o teu propio éxito”.

De cara ao futuro, Entretendo seguirá facendo medrar o seu proxecto. “Oxalá poidamos estar moitos máis anos entretendo a xente. Se non arriscas non sabes como podes ser, así que arriscaremos ata que o público queira”, sostén Eva.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/ponteceso/importante-xente-atreva-quedar-nos-pobos-pequenos-non-marchen-grandes-cidades/20190321110431107849.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA