Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O mercado laboral no punto de mira no faladoiro feminista dos #DirectosQPC

O mercado laboral no punto de mira no faladoiro feminista dos #DirectosQPC

O último faladoiro da semana dos #DirectosQPC, en clave feminista, reuniu a Patricia Vaquero, socióloga especializada en xénero e representantes dos colectivos feministas da Costa da Morte: Ester de Buseranas, Marta do Círculo Feminista de Carballo, Ángela de Sonlilá e Marta das Curandeiras de Vimianzo.

O tema sobre o que xirou este novo encontro foi o mercado laboral. Todas comezaron contando as súas experiencias neste terreo durante o confinamento e de que maneira lles afectou o covid no seu traballo.

Seguidamente Patricia pasou a expoñer os datos analizados do cuestionario que realizou hai unhas semanas a mulleres costeiras para coñecer o impacto que tivo o Covid-19 nas mulleres da Costa da Morte. Uns datos dos que saen diversas reflexións.

Os coidado foi outro dos temas que emerxeu novamente ao estar tan ligado con este tema. A conciliación co traballo durante o confinamento foi unha tarefa que requiriu de moito tempo para moitas mulleres, tal e como respostaron ao cuestionario. Ademais, indicaron que unha das súas preocupacións enfocábase sobre todo de cara ao que viña despois, da volta ao traballo, xa que os nenos e nenas seguen a estar na casa sen ter con quen deixalos.

Derivado desta situación tamén, moitas mulleres están a plantexarse, ou directamente xa decidiron reducir a súa xornada laboral, o que as leva a renunciar ás súas carreiras profesionais. Algo que, de seguir así, pode que bote por terra moitos dos avances que levamos feito durante anos.

É por iso que, unha das reflexións ás que chegaron foi que as administracións deben implicarse moito máis para buscar solucións ante estas problemáticas e nós, como cidadáns e cidadás esixir que se teñan en conta como prioridade á hora de tomar decisións.

Comentarios