Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As obras que provocaron as fendas no edificio de Ponteceso carecían de licencia

Edificio en Ponteceso onde hai fendas
Edificio en Ponteceso onde as obras sen licencia provocaron o desaloxo de varias familias
As obras que provocaron as fendas no edificio de Ponteceso carecían de licencia

Poñerse a desfacer un muro dunha casa, sen licencia nin intención de pedila, é a típica práctica da política do “ti vai facendo”. Pero facelo nunha zona como a Avenida Eduardo Pondal de Ponteceso, onde as casas foron construídas hai 40 anos sobre un xuncal, é máis que perigoso. Así acontecía esta pasada noite de sábado, cando tres familias tiñan que ser desaloxadas pola aparición de varias fendas nun edificio do centro da vila. Fendas producidas por esas obras, sen permiso, do veciño propietario do baixo.

Tiña a intención de facer unha porta dun garaxe e provocou unha alarma completa, obrigando a mobilizar a todos os corpos de seguridade do Concello (GES, Policía Local e Protección Civil) para asegurar a zona, valorar os danos estruturais e axudar a desaloxar ás familias. Familias que ollaban como co paso das horas, as moedas que colocaran nas fendas ían caendo, comprobando que as fendas continuaban abrindo.

As familias seguen, tres días despois, fóra da casa, e iso que se ofreceron este luns a apuntalar a obra (un dos veciños traballa na construción), pero o promotor case nin se presentou no lugar. Onte fixeron varias marcas no xeso, para comprobar se as fendas seguen abrindo.

Dende a Policía Local reinciden “na importancia de solicitar licenza municipal para a realización de calquera obra, xa sexa menor ou maior. Con ela realizaremos un control preventivo, regrado e de legalidade das obras que se van realizar”. E apuntan unha interesante etiqueta para loitar contra as desfeitas urbanísticas: #NonaoTivafacendo.

Ademais, inciden na importancia de ter moito coidado nunha zona coma esta. “Todas as actuacións que se fagan nestas zonas, construídas hai 40 como se construía daquela, e feitas sobre un xuncal, teñen que estar moi medidas”, explican, lembrando as grandes inundacións do ano 95 e tamén as de 2016.

Novas relacionadas

Comentarios