Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Os novos “Parlamentarios” do IES Pedra da Aguia comproban a importancia dos idiomas para moverse por Europa

Os novos “Parlamentarios” do IES Pedra da Aguia comproban a importancia dos idiomas para moverse por Europa
Parlamentarios do IES Pedra da Aguia no hemiciclo do Parlamento Europeo Parlamentarios do IES Pedra da Aguia no hemiciclo do Parlamento Europeo

Este sábado voltaron a Camariñas, Carla, Gabriel, Iván e Jacobo, os tres alumnos e o profesor do IES Plurilingüe Pedra da Aguia, que participaron en Bruxelas durante dous días no encontro xuvenil Your Europe, Your Say, xunto con rapaces de todos os Estados membros da Unión Europea e dos 5 países candidatos a entrar.

Unha experiencia irrepetible para estes novos “parlamentarios” costeiros. Se ben algo curta para o seu gusto, pero suficiente para decatarse da importancia dos idiomas para moverse por Europa, pois conviviron e compartiron habitación con rapaces doutras culturas e comprobaron como a Unión Europea non se atopa tan lonxe como eles crían nun principio.

Completo programa

O xoves pola mañá, os catro visitaron o edificio do Parlamento Europeo, onde foron recibidos pola asistente do eurodeputado galego Millán Mon, Anabel Andújar, que lles amosou as zonas máis comúns pero tamén as menos coñecidas desta institución.

Pola tarde, foi a quenda para o Comité Económico e Social Europeo (CESE), o organizador do encontro, no que se fixeron as primeiras tomas de contacto co resto dos países. Os camariñáns sempre estiveron acompañados de Isabel Caño, próxima dirixente do CESE, e de Andrés Barceló, quen estivera no Instituto hai apenas un mes para preparar aos rapaces para este evento.

Cabe destacar que perante os discursos de presentación, os de Camariñas foron os únicos rapaces que non necesitaron recurrir aos auriculares para escoitar a interpretación dos discursos en inglés e en francés.

O venres foi un día de traballo total, no que os alumnos foron divididos en grupos para que presentaran as súas propostas sobre o tema da preservación do patrimonio cultural europeo, unha tarefa que culminaron a media tarde coas votacións para elexir as mellores.

O broche final puxérono os mesmos rapaces amosando, parte do seu patrimonio. No caso de Camariñas, un video elaborado polo Concello camariñán serviu para que Carla lle puxera música coa gaita e arrancara os aplausos dos asistentes.

O acto tamén serviu para que o profesor do Instituto se fixera con un gran número de bandeiras que lle pedira aos outros profesores previamente, co fin de podelas utilizar no evento que ten previsto realizar o Instituto o vindeiro 9 de maio, co gallo do día de Europa.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios