Imprimir

Soñar Hawila*

María Bella | María Bella (www.mariabella.es) é Doutora en Coñecemento Curatorial pola Universidade de Goldsmiths. Pensadora e produtora crítica dentro do campo artístico e cultural, desenvolve o seu traballo desde a práctica e a investigación. Puxo en marcha o programa de Intermediae en Matadero-Madrid en 2007 e estableceu a súa liña curatorial ata 2012. Formou parte do programa de investigación Curatorial Knowledge no Departamento de Cultura Visual da Universidade de Goldsmiths de Londres ao que se dedicou nos últimos anos. Desde 2015 vive en Corcubión na Costa da Morte onde recientemente iniciou un proxecto artístico e curatorial chamado o "Museo das historias de Corcubión" no que pon en xogo o seu interese por imaxinar novas infraestructuras culturais que promuevan elcuidado da vida.

que pasa na costa | 23 de setembro de 2019

Nunha conferencia radiofónica en 1966 o pensador Michel Foucault propoñía fundar unha nova ciencia, a heterotopoloxía, cuxo fin sería o estudo dos “espazos absolutamente outros” (1). Espazos que, a ollos de Foucault, non eran comúns e cotiáns senón máis ben excepcionais e capaces de soster un forte grado de ambivalencia. Ademais, a diferenza das xa coñecidas utopías, coas heterotopías enfrontariámonos ao estudo dunha tipoloxía de espazos verdaderamente reais.

Foucault pechaba a súa conferencia referíndose ao barco como heterotopía por excelencia, caso de estudo paradigmático desta nova ciencia. Dicía: “E si pensamos que o barco, o gran barco do século dezanove é un pedazo de espazo flotante, un lugar sen lugar, que vive por si mesmo, pechado sobre si, libre en certo sentido, pero abandonado fatalmente ao infinito do mar, e que de porto en porto (...) vai ata as colonias buscando o máis precioso que estas resgardan (…) comprendemos por que o barco foi para nosa civilización, polo menos desde o século dezaseis, ao mesmo tempo o máis grande instrumento económico e nosa máis grande reserva de imaxinación.”

O mar e o cosmos son espazos singulares que compoñen unha gran parte da xeografía terrestre que habitamos. Unha xeografía que pouco a pouco tratamos de domesticar á nosa imaxe e semellanza. Poderiamos dicir que mar e cosmos son, sen dúbida, espazos sobre-instrumentalizados con fins económicos. Valería poñer como exemplo a carreira espacial para descubrir outra Terra que habitar -a pesar de que esta sexa aínda un futurible- ou a conquista doutras terras continentais por vía marítima, realidade que parece terse consumado fai xa séculos co proxecto colonial. De tódolos xeitos, tanto o mar como o cosmos continúan sendo “espazos outros” verdaderamente reais e enormemente misteriosos, é dicir: son aínda grandes reservas para a imaxinación.

Será fácil comprender a magnitude da actual instrumentalización económica que exercemos sobre o mar -que é o “espazo outro” que xunto ao barco centrarán a miña reflexión- a partir dun dato aglaiante: o 90% do comercio mundial se xestiona actualmente a través do transporte marítimo. O barco, ese espazo heterotópico por excelencia, é o “vehículo” da industria máis polucionadora do planeta. Só 17 dos barcos contenedores que transportan mercancías, polucionan máis que todos os coches do planeta e cada día surcan os mares desta Terra 100.000 especies deses barcos (2). Na armazón do barco arrastramos unha xenealoxía marcada por unha audaz e cruel instrumentalización económica, polo menos desde o s.XVI, como apunta Foucault, e coroada hoxe cunha irreverente capacidade humana de consumo planetario. Non é difícil evocar fitos importantes desta xenealoxía baseada na estratexia -produción e consumo-. O comercio trasatlántico de escravos desde África ás colonias en América sería un dos máis radicais a mencionar. Nesa época poderiamos dicir que o barco, como tal, non polucionaba o medio-ambiente pero -como instrumento ao servizo da economía- xa atentaba contra o dereito á vida.

Con todo onde poderiamos atopar esa chamada do barco a ser unha gran reserva para a imaxinación? “As civilizacións”, apuntaba Foucault na indagación sobre esa nova ciencia, “sen barcos son como os nenos cuxos pais non teñen unha gran cama sobre a cal xogar; os seus soños esgótanse”.

É significativo que Greta Thunberg, a nena activista sueca que está revolucionando as conciencias mundialmente a base de cultivar a coraxe do dicir verdadeiro (3), decidise tomar un barco de vela -libre de emisións de carbono- e cruzar o Océano con destino a Nova York para intervir no cume sobre o clima organizada polas Nacións Unidas. Os discursos que Greta Thunberg ofrece ao redor do planeta poñen de manifesto a irresponsabilidade xeneralizada, especialmente de gobernanza, que practicamos respecto da saúde do planeta. Cada presentación de Greta convértese nunha chamada de atención a unha sociedade aparentemente adulta pero que razoa e compórtase “como nenos”. A lóxica humillante coa que Greta pide que recoñezamos a realidade fainos sentir vergonza moitas veces. En cada unha das súas palabras recoñecemos canto de inxustificable é a nosa inacción ante un problema tan urxente e que mínimo é o noso esforzo para pensar e facer doutros xeitos. No desembarco en Nova York, Greta buscaba o compromiso da xente que fora recibila. Dicíalles: “Non esperemos máis, fagámolo agora”. Pero... Como subirnos ao barco, como Greta, e non facer del un instrumento económico? Como vivir para non esgotar o planeta? Difícil tarefa logo de séculos repetíndoa. É case coma se tivésemos que subir á gran cama para volver soñar, pero sendo adultos.

Soñar Hawila!

Hawila é o nome dun barco e dun proxecto de vida á vez. Non necesita soñarse porque non é unha utopía, é un espazo verdaderamente real aínda que heterotópico, é dicir, “absolutamente outro”. O barco é un velero de 1935 transformado por distintos donos e para distintos usos ao longo dos anos: carguero de xeo, buque de formación de vela, barco de recreo, etc. No verán de 2004 cae en mans dun grupo de estudantes e de xente nova, profesionais, que o transforman nun proxecto ambicioso que suscita un desvío xenealóxico, un novo phylum, que rompa coa hexemonía que privilexia o instrumento económico fronte á potencia imaxinativa. Hawila propón transportar mercancías de xeito sostible e unir comunidades costeiras. Funciona como un espazo flotante reconvertido en plataforma educativa desde a que intervir e reflexionar sobre os problemas provocados pola globalización. A tripulación do Hawila bótase ao mar a navegar coa forza do vento e a beleza do sol como facían antiguamente os navegantes, pero, na súa armazón, transportan produtos ecolóxicos que distribúen ao longo do seu itinerario. Durante a ruta conviven con artistas, científicos, enxeñeiros e activistas que soñan o misterio dunha Terra por vir. Cando arriban nos portos ofrecen actividades coas que avivar e compartir con outros o desexo de soñar posibles.

mapa francia-gran bretana
Ruta comercial de productos ecolóxicos

E aínda hai máis. O mellor de todo é que Hawila non é o único barco deste novo phylum. Existen máis dunha veintena de Hawilas que navegan polos nosos mares comerciando de xeito sostible baixo o lema dun “novo espertar”. Unha proposta que, en case todos os casos, non suscita soamente un comercio xusto para o planeta senón que ademais utiliza esta experiencia como medio para pensar e facer doutros xeitos. Mocidade valente que necesitan outras armas para conseguir a paz.

Lovis e Hawila navegando no mar Báltico
 Lovis e Hawila navegando no mar Báltico


Corcubión foi desde o seu re-fundación na ría unha terra portuaria (4). A fortaleza dos mellores tempos chegáronlle sempre precisamente desde o mar: comercio pesqueiro, madereiro ou de combustibles. Loxística, histórica e culturalmente poderiamos facilmente formar parte desas comunidades ás que os Hawilas abastecen con produtos sostibles e con reservas de imaxinación. O que nos separa de Hawila non é un soño senón unha realidade: a nosa inacción ante un problema tan urxente e o noso mínimo esforzo para pensar e facer doutros xeitos. “Non esperemos máis, fagámolo agora”. Vivamos a experiencia doutra Terra posible.

 

- * Con esta reflexión quero sumarme ás accións da Folga Global polo Clima (globalclimatestrike.net).

 

ARTIGOS DE MARÍA BELLA EN QPC

FONTE

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-bella/sonar-hawila/20190923211304113265.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA