Mércores. 18.09.2024
El tiempo

Evento

Monólogo en Mazaricos

11/mar./2017 a 11/mar./2017
10:00 h a 6:00 h
Casa da Cultura da Picota
Monólogo en Mazaricos
FEDERICO PÉREZ E A SÚA RACIÓN DE BREOGÁN ESTE SÁBADO EN MAZARICOS Este sábado ás 10 da noite no Auditorio de Casa de Cultura da Picota (Mazaricos), FEDERICO PÉREZ REY presentará o seu monólogo RACIÓN DE BREOGÁN. Espectáculo no que proxectará unha mirada irónica e humorística sobre os mitos fundacionais da nación galega e sobre o seu desenvolvemento ao longo do tempo. Precisamente nesta semana na que se cumpre o 1º centenario da morte de Eduardo Pondal. Un dos grandes escritores galegos de tódolos tempos e verdadeiro referente da poesía de temática celtista, na que Breogán ocupa un lugar sobranceiro. Non sabemos se cando empezou FEDERICO PÉREZ como corrector lingüístico na serie Mareas vivas, alá polo ano 1998, tiña vocación de actor, en todo caso e como nos lembra o dito popular: o roce fai o cariño. E aquí temos ao noso veciño vinte anos despois daqueles inicios no mundo da imaxe en movemento, cunha sólida traxectoria que abrangue o cine, as series de televisión, os programas de humor e os espectáculos en vivo e en directo coma o que nos trae esta fin de semana a Mazaricos. Ao longo destes últimos anos participou en longametraxes coma 18 comidas, Retornos, Mar adentro, Os fenómenos, la memoria del agua ou Encallados. Na pequena pantalla tivo unha presenza asidua ou episódica en Padre Casares, Pepe o inglés, As leis de Celavella e Los hombres de Paco. Series coma O Show dos Tonechos ou Air Galicia dérono a coñecer no mundo do humor, parcela na que desenvolve unha importante actividade nos últimos tempos. Unha bo exemplo desto que dicimos é ERA VISTO. Un programa da televisión de Galicia con seis temporadas no seu haber, no que Federico é o protagonista absoluto dunha comedia familiar onde a retranca é o vehículo no que transitan uns personaxes moi do País. O noso veciño, ademais de asesorar lingüisticamente en Mareas vivas, tamén se ocupou desta tarefa en Terra de Miranda, Cuarto sen ascensor e Mar adentro. Outra importante faceta do seu traballo é a súa participación na realización dos guións dunha longa ringleira de series e programas: Terra de Miranda, Pequeno hotel, O Rei da comedia, As leis de Celavella, Máxima audiencia, Zapping comando, O Show dos Tonechos,… É precisamente esta facilidade para traducir en palabras o que hai de cómico no acontecer diario e a súa facilidade para interpretalo con veracidade diante do público, o que o levou a dar o salto aos espectáculos en vivo. Este sábado verémolo en RACIÓN DE BREOGÁN e nun futuro próximo de seguro que volverá con FEDERICO PÉREZ ESTÁ NESTE MUNDO… PORQUE TIÑA QUE HABER DE TODO, A NOITE DO CAPADOR,…
Comentarios