![]()
Día e hora: sábado 28 de abril, ás 21:30 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural e xuvenil de Muros
Actividade: Teatro – Xurxo Cortázar - “Desconexión”
Desconexión é unha traxicomedia aceda onde o traballo interpretativo do actor leva o peso do espectáculo. Unha peza de temática moi urbana e actual, crítica con certos estereotipos das modas e costumes da sociedade e da cultura contemporánea: sexo, drogas, música, traballo, relixión, culto ao corpo, contaminación, consumismo...
A dramaturxia e dirección corre a cargo do moañés Santiago Cortegoso. O individuo 299/1973 FK3 vive conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Unha avaría no seu sistema fai que saia da súa gaiola e emprenda unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar. No seu periplo
vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.
Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, en Desconexión trátanse temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela; a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de
individualidade; o afán de estar conectado e o afán de desconectarse... Sempre desenvolvidos desde un humor mordaz e corrosivo co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.
A versión definitiva do texto artellouse a partir do traballo creativo entre director e actor nos ensaios.
Xurxo Cortázar é actor profesional desde 1996. Despois duns anos combinando a interpretación coas tarefas de produción e dirección artística en diferentes programacións produce e protagoniza o monólogo A Penitencia do Pirata, de Budumbu Producións, para público adulto baseado na lenda do pirata Benito Soto. A finais de 2006 comeza a traballar coa compañía Galitoon nos espectáculos Golulá (Premio ao Mellor espectáculo infantil na 10ª Feria de Teatro Castilla y León de Ciudad Rodrigo; Premio ao Mellor Espectáculo Innovador na 24ª Mostra de teatro de Ribadavia), Babiliglub, Festas do Axóuxeres e Botazz, o swing do jazz. En 2011 dirixe o seu primeiro espectáculo: Valados, para Artestudio Teatro, do que tamén forma parte do elenco, e comeza a traballar coa compañía Baobab Teatro nos espectáculos Babs; O Soldadiño de Chumbo e Martes.
Santiago Cortegoso
Despois de traballar como actor en numerosos espectáculos de compañías galegas (Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría Teatro, Nove Dous,Llu Llu teatro...), a partir de 2009 intensifica a súa actividade na escrita e na dirección de escena, nomeadamente á fronte da súa compañía: Ibuprofeno teatro. Algúns dos seus traballos recentes son: Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro 2014; Premio ao Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León, Ciudad Rodrigo 2016, Finalista a Mejor Autoría Teatral e Mejor Dirección de Escena nos XX Premios Max) estreada en 2016 e Casa O´Rei, estreada neste ano 2018.
O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas xa poden ser reservadas ou mercadas nas oficinas do centro cultural, ao prezo de 2,50 euros.