![programa-youtubeiros]()
Son xa máis de cen os vídeos inscritos na primeira edición de Youtubeir@s; un concurso de vídeos na rede na que se pretende fomentar a videocreación en galego. Os interesados en participar poden facelo ata este venres, día
28 de abril. Poden participar tódalas persoas maiores de 14 anos con vídeos de ata cinco minutos de duración. Hai 4.000€ en premios que se repartirán entre as persoas gañadoras nun acto de celebración o venres 26 de maio ás 20 horas no teatro Principal de Ourense.
Neste momento xa se poden ver na
canle de Youtube de Youtubeir@s todo tipo de vídeos. Na
categoría de vídeo-facermos hai dende receitas de cociña ata vídeos sobre como quitar os puntos negros do nariz ou como facer pasta de dentes para elefantes. Na categoría de vídeo-opinarmos as persoas participantes falan de temas tan diversos como a praga da couza guatamalteca, o amor na rede ou o deporte adaptado, entre moitos outros. O xurado está composto polo profesor e experto en audiovisual Manolo González, pola poeta María Lado, polo sociolingüista Manuel N. Singala, pola comunicadora María Yáñez e polo creador Pablo Lamosa.
Todo o mundo pode ser youtubeir@ porque tod@s temos algo que contar. Baixo esta premisa e para fomentar o acceso á videocreación, o programa Youtubeir@s impulsou dende decembro a abril máis de
20 obradoiros por toda Galicia impartidos pola produtora creativa Illa Bufarda.
Youtubeir@s é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames,
Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo