Matar a un reiseñor
Para Zoe. O reiseñor máis fermoso.
* "Os reiseñores non se adican a outra cousa que a cantar para alegrarnos. Non devoran os froitos dos hortos, non aniñan nos arcóns do millo, non fan máis nada que derramar o corazón, cantando para o noso deleite. Por iso é pecado matar un reiseñor."
Quen quere "matar a un reiseñor"? Ninguén claro, responderíamos todas e todos sen pensalo. Porén estamos "matando reiseñores" cada día co noso egoísmo adulto, coa nosa miopía egocéntrica e coa nosa ruindade.
Seguimos estrangulándoos cada día nas casas, nos colexios, esmagándolles a fantasía coa nosa realidade prefabricada de engrenaxes, ruído e diñeiro que nos cega, sen saber, que o máis importante na vida segue a ser o abrazo da infancia.
E non hai nada máis fermoso que o abrazo dun reiseñor.
Atticus Finch o avogado que defende aos negros na imprescindíbel novela de Harper Lee quería o que todo pai e o que toda nai desexa para as súas fillas e para os seus fillos; inculcar valores de xustiza e ser exemplo.
Valores como a empatía, a loita aínda que un saiba que vai ser derrotado, a dignidade, defender aos máis desfavorecidos para xuntos ser máis fortes ou protexer e exercitar a amizade e a xenerosidade.
Este ano téñome que enfrontar á indiferenza das leis educativas e a covardía de quen se escuda e se agocha nesas leis fabricadas para "matar reiseñores"
Porque hai reiseñores que tardan máis en cantar o canto desafinado dos adultos ou que o seu canto non é entendido pola xordeira de quen só ouve ás paredes e aos corredores das leis e obxectivos marcados por xente que esqueceu que o máis importante dun reiseñor para que voe é que non lles aten as ás, nin que lle rompan as patas, nin lle poñan diante dos ollos mancados máis sombras dos que a que a propia vida ofrece de por si.
* "Non son un idealista que crea firmemente na integridade dos nosos tribunais nin do sistema de xurado; isto non é para o meu unha cousa ideal, é unha realidade vivente e operante. Cabaleiros, un tribunal non é mellor que cada un de vostedes, os que están sentados diante de min neste Xurado. A rectitude dun tribunal chega unicamente ata onde chega a rectitude do seu Xurado, e a rectitude dun xurado chega só até onde chega a dos homes que o compoñen."
E si, por se non o adiviñáchedes xa, quen quere "matar a un reiseñor" é o sistema educativo, os profesionais que exercen desde a comodidade dos seus pupitres, a indiferenza adulta, e a ruindade dunha sociedade que, repito, esqueceu a súa infancia.
Este ano queren "matar a un reiseñor" En tempos de diversidade. En tempos de educación inclusiva e todos eses discursos que nos venden desde os altavoces das institucións para branquexar a súa indiferenza polos reiseñores.
Eu non son Atticus Find, nin son avogado, nin sequera son un pai exemplar, son un home calquera, mais si sei unha cousa:
* "Un é valente cando, sabendo que perdeu xa antes de empezar, empeza a pesar de todo e segue ata o final pase o que pase. Un vence raras veces, pero algunha vez vence."
E na miña cabeza sóanme aqueles versos de Miguel Hernández:
** "Cantando espero la muerte
porque hay ruiseñores que cantan
encima de los fusiles y en medio de las batallas"
Valores como a empatía. A loita aínda que un saiba que vai ser derrotado. A dignidade. Defender aos máis desfavorecidos. Protexer e exercitar a amizade, a xenerosidade...
Gostaríame que fora a miña lección máis duradeira.
Miña derradeira lección de mestre.
* Matar a un reiseñor (Harper Lee)
** Vientos del pueblo (Miguel Hernández)
- Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
ARTIGOS DE ALEX LÓPEZ ROMERO
- "Bares, que lugares"
- Xente Pequena (III)
- A praciña da memoria.
- Esconxuro.
- Xente Pequena (II).
- Daaasmeee uuun peeesooo.
- Monólogo do Apalpador.
- Un artigo para xente pequena (I).
- Free Jazz.
- Paterson.
- CPX!.
- Muiñeira triste de Fisterra Blues.
- De voitres, escorias e da necesidade de soltar malos fumes.
- Hachikí!.
- 5 temas e un bonus track.
- Estimados quen sexades de Hazte Oír.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])