Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Un artigo para xente pequena (I)

Un artigo para xente pequena (I)

"O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos." Castelao

A imaxe repítese cada noite. Recollen os bártulos. Arrástranos até os seus automóbiles particulares e veñen a tomar unha caña, asinar o seu libro, o seu CD... Algo se move na Costa da Morte, ou quizais non, porque esta terra sempre foi berce de artistas. A pesar dos poucos medios, da inexistente infraestrutura cultural da falta de apoios por vivir na periferia da periferia. E digo quizais non, porque quizais sexa un xeito de rebeldía ante o esquecemento. Unha rebeldía ante un mundo que parece condenado a ser derrotado por asfalto, grandes urbes ou grandes proxectos macroeconómicos depredadores da natureza e do noso xeito de entender o mundo. Existimos. E existimos cantando, recitando, tocando.... Facemos un berro seco dende o epicentro da nosa república. Da nosa cousa pública. Para todas todo. Sen case medios, nin axuda, auto axudándonos, auto xestionándonos, non nos queda outra. E aí temos, moreas de bandas, poetas, músicos, pintores, escultores, fotógrafos ou calquer outra manifestación artística que se presente... Acudo a todo canto poido e cando poido e sempre regreso a casa cunha morea de apertas, agradecementos e o corazón enchido de orgullo, de emocións locais que se fan universais. Ás veces tamén, porque non todo é romántico nin boismo nesta terra, moi esquecidos polas mesmas xentes que non dubidan en pasar frío, colas interminábeis, e todo tipo de incomodidades para ir a un festival, por exemplo, potenciado e apoiado con grandes cantidades de diñeiro, Untado até a saciedade polos grandes medios de comunicación de masas. E que ninguén se trabuque non estou facendo unha crítica a este tipo de eventos que un servidor tamén acude, contadas veces, mais se fixéramos un esforzo por apoiar ao noso, quizais o que podíamos facer festivais seríamos nós. Só que quizais miramos demasiado as estrelas de alá e de acolá e miramos pouco as estrelas de aquí. Eses amigos que ao final do concerto, do recital, da exposición... Recollen os bártulos. Arrástranos até os seus automóbiles particulares e veñen a tomar unha caña, asinar o seu libro, o seu CD... Eu seguirei acudindo. Deleitándome. Apoiando modestamente en todo o que miña humilde posición de clase poida contribuír. Porque a Costa Da Morte existe... existimos. Existimos cantando, recitando, tocando....
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
 

Artigos de Alex López Romero

 

Fonte

Comentarios