sábado. 09.11.2024
El tiempo
Ana Gil Rey
11:35
31/03/20

Sen pantallas de por medio

Sen pantallas de por medio

O outro día tiven unha conversa desas que te fai pensar. Sabedes cando escoitades a alguén dar unha charla motivacional ou vedes unha película e saídes dalí pensando que é posible lograr todo o que  vos propoñades? Pois igual, só que desta vez duroume o efecto máis que un par de horas. Non quero escribir sobre aquela palabra que non debe ser nomeada pero que sí que afecta inevitablemente ás nosas vidas; así que intentarei non centrarme no agora, senon no que ocorrerá despois, cando todo isto pase.

Este é un tema que preocupa, pois a maioría da poboación vese a diario abrumada por noticias que lle fan temer non só polo que está a pasar hoxe e esta tempada, senon tamén polo que sucederá cando volvamos á normalidade. Sobreinformación, datos, cambios, dúbidas, medos, a palabra crise resoando no aire... Que pasará cando acabe todo isto? Eu non pregunto isto, eu pregunto: Que farás cando acabe todo isto?

Precisamente a raíz desa pregunta comezou a conversa da que vos falaba ao principio do artigo. Antes de nada como é lóxico cando empecei a  preguntar isto fíxeno coas persoas máis achegadas. Unha das persoas ás que lle preguntei e á que teño en alta estima, respondeume á pregunta e engadiu algo que fíxome pensar moito.

Comentoume que pensaba que o virus cambiaría o xeito de relacionarse que teñen as persoas, que evitaríamos as mostras de afecto e relegaríamos a un segundo plano os abrazos. Non sabedes a pena que me deu escoitala, porque era unha das primeiras persoas ás que tiña en mente abrazar. As persoas poden soportar moitas cousas pero se hai unha sensación que máis pena provoque  en calquera é a de sentirse só entre unha multitude de xente. Non sei se me explico.

Estes días agarrámonos ferventemente ao saúdo do veciño dende a ventá, ao pitido da panadeira que anuncia a súa chegada, a mensaxes de voz deses amigos que hai tempo que non vemos. Aguantamos porque entendemos a repercusión que poden ter as nosas accións e conseguímolo grazas a pensar que pronto rematará e que poderemos volver á normalidade tal e como a coñecemos e que nos fai sentir seguros, a predicibilidade das rutinas que ás veces nos estresaba e que agora botamos en falta. Estes días decatámonos de que o valioso non son só os cartos, que non son máis que un un papel impreso cun valor que o ser humano lle asigna, senon aquilo que non se pode comprar nin asignar un prezo concreto.

Pese ao malo, todo isto está sendo unha magnífica oportunidade para coñecer a verdadeira esencia da xente, pois aínda que nos atopamos nunha etapa complicada son moitas as persoas que nos brindan a man, ofrecendo todo o que teñen e máis para que entre todos saíamos adiante. Temos moito que aprender dos nosos maiores, que están levando a situación cunha enteireza e valentía digna de admiración. Saíremos desta grazas a eles. Non me esquezo dos nenos e nenas que a diario debuxan arco iris cos que dar ánimos, tan realistas que traspasan o papel e despois da chuvia van aparecendo no horizonte, orgullosos dos seus creadores.

 Sei que é difícil pero debemos centrarnos naquilo que nos infunde ánimo. Cada vez que vemos as noticias arrepentímonos, pois poucas son alentadoras. Agora que temos temos tempo vémolas varias ao día pero isto non é moi recomendable; xa estamos a facer o que se nos ordenou e está na nosa man.Velas de forma repetitiva só servirá para aumentarnos a angustia que a situación nos provoca.

Invertide o tempo en ler libros, ver series, colgar os cadros que tiñades pendentes, facer repostería, chamar (esa función que tiñan os móbiles antes de existir WhatsApp) ou sinxelamente descansar. Hai momentos no día no que parece que a situación nos supera e pregamos para que isto dure o estrictamente necesario, pensamos en nós, nos nosos e en cando poderemos recuperar o ben máis valioso que podemos ter como persoas: a liberdade.

Pero non me refiro só a liberdade de saír da casa senon a liberdade de darlle un abrazo a aqueles aos que queres, poder coller a alguén da man e non ter que pensar en ir correndo lavala, achegarnos para saúdar e non ter que esquivarnos, saír xuntos de paseo sen xustificante, sorrir e que se vexa porque non hai mascarillas de por medio... É por iso que a liberdade ten un valor incalculable, se tivese que adiviñar a que sabe a liberdade diría que saberá tan ben como primeiro café que tomemos á volta na terraza do noso bar preferido. Pensando nesa liberdade con sabor a café tachamos un día máis e erguémonos con máis forza.

En definitiva, non sei en que momento se nos esqueceu que os seres humanos necesitamos osíxeno, un respiro de todo isto que sacude a diario as nosas vidas; e o único xeito de telo é pensar en todo o que recuperaremos cando todo pase. O primeiro que quero recuperar cando todo pase son os abrazos. Os nosos maiores apénanse tanto ou máis por non poder saír que por non poder darlle un bico ou unha aperta aos seus netos, así que unha vez que todo remate penso que é isto o primeiro que temos que devolverlle.

O segundo será recobrar a palabra "grazas". Este parón ten que sevir como aprendizaxe de algo. Tal vez  poidamos agradecer poder volver á vida que levábamos antes sendo conscientes da inmensa sorte que temos e que a diario non valoramos. A terceira, e xa remato, será levar a cabo todos os plans que fixemos estes días, que non foron poucos e que nos serviron para conseguir chegar a onde estamos. Plans que nos fan sacudirnos o letargo, e que ao facelos nos recordarán que despois dun inverno tan duro nos merecemos e moito gozar dun verán marabilloso en compañía daquelas persoas que queremos, desta vez de xeito físico e non virtual. É que se algo aprendemos de todo isto é que sen dúbida algunha, a vida é moito mellor sen pantallas de por medio.

  • Ana Gil Rey, Graduada en Dereito pola USC. Actualmente cursando a Cátedra de  Sostibilidade e Innovación Social Inditex-UDC. Escribo dende o mar, o cal confire maior movemento as accións e maior sosego ás palabras. Entusiasta sempre!

Outros artigos de Ana Gil Rey

Comentarios