Venres. 11.10.2024
El tiempo

Somos #Sonlilá

Algunhas das mulleres que forman a Asociacion Feminista Sonlila de Carnota
Algunhas das mulleres que forman a Asociación Feminista Sonlilá de Carnota
Somos #Sonlilá

Sonlilá é un colectivo de mulleres feministas que xurde en Carnota, que acolle a mulleres de toda a comarca que queiran ser parte desta andaina.

Nace moi pouco a pouco, chamando unhas polas outras. Nace da necesidade do encontro como mulleres nun espazo seguro, de liberdade, onde poder atoparnos e expresarnos sen sentirnos cohibidas nin xulgadas. Da necesidade de tecer redes entre nós, de coidarnos entre todas. De sororidade.

Mulleres moi diferentes e de distintas xeracións que a pesares das condicións de dispersión e illamento neste rural, son quen de unirse disfrutando de estar xuntas e compartir o que son.

Recoñecémonos nas complicidades, nas risas e nas bágoas de moitas tardes e moitas horas de falar e falar, descubríndonos.

Recoñecémonos como feministas na loita pola liberdade das mulleres de ser quen e como nos pete, de ocupar espazo, de non ter medo.

Así que inevitablemente, medramos.

E cada día seremos máis facendo que se escoite o noso son. Construíndo, reclamando e esixindo.

Orgullosas das que foron antes ca nós e das que virán despois. Orgullosas de nós mesmas.

Sabedoras de que gañaremos a batalla invisible.

 

Para as que queirades unirvos ó noso son, topádesnos aquí: [email protected] e no Tw @SonlilaAsoc.

 

Novas relacionadas

Comentarios