A contribución
No artigo deste mes quixera referirme á contribución (imposto sobre bens inmobles), porque recentemente foron aprobadas ponencias que actualizan valores catastrais nos concellos de Zas (21/05/2013), Muros (26/06/2013) e Muxía (26/06/2013). E, porque, moitos dos nosos concellos terán que revisar valores e manter tipos de gravame elevados, durante 2014 e 2015, ao estar tramitándose nas Cortes o proxecto de lei que establece esas medidas (Consello de Ministros do pasado 28 de xuño).
Os principais datos do IBI (xaneiro, 2013), dos concellos de Quepasanacosta, son os seguintes:

Pois ben. Así como a determinación da base impoñible deste imposto corresponde á Administración Central, a súa xestión é competencia dos concellos. Por iso, ante o inminente aumento da carga tributaria, os alcaldes deben reaccionar. Non poden mirar para outro lado como si non tivesen responsabilidade. Porque, en momentos de crise, como os actuais, máis alá da apremiante necesidade de obter maiores ingresos, é necesario que se actúe aplicando xustiza fiscal.
E deben reaccionar, serenamente, fixando criterios de eficiencia e equidade na tributación. De eficiencia, para optimizar o uso dos ingresos municipais; e, de equidade, para conseguir unha redistribución da renda e riqueza o máis igualitaria posible. Porque, son coñecedores de que, como contribuíntes, non dispoñemos da mesma capacidade de pago, debendo tratar igual aos que teñen situacións económicas parecidas (equidade horizontal), pero discriminando positivamente con bonificacións fiscais aos máis humildes respecto dos adiñeirados (equidade vertical).
Durante este verán, escoitáronse demasiadas queixas veciñais pola contribución. Precisamente por iso convén recordar aos nosos alcaldes, de vez en cando, que o seu mandato ten data de caducidade. E que, cada catro anos, somos nós os que decidimos, co voto, quen debe gobernarnos.
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Outros artigos de Domingo Guerra
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).