Venres. 29.03.2024
El tiempo
10:30
06/04/12

A Ruta do Caolín

A Ruta do Caolín

Incorporamos hoxe unha nova colaboración. E non paramos co noso afán de ser a voz da veciñanza, de darlle espazo a todos os queirades contar historias sobre a Costa da Morte. Unh Costa da Morte, onde o Xornalismo Cidadán está a ser unha realidade.

Hoxe é José Manuel Ojén León, arteixán moi vencellado á vila de Laxe, o que nos leva de viaxe pola Ruta do Caolín, ruta que xa temos feita con Manuel Osende e os “Kaolines de Lage”.

Sen máis, quedades con Ojén.

A Ruta do Caolín

Foi alá polos felices anos 30 cando na comarca de Laxe deu comezo a explotación do caolín. Anos duros e complicados aqueles, onde a agricultura de subsistencia e/ou auto-consumo, algo de madeira e a pesca eran o único sustento das economías domésticas.

Por aquel entón, a explotación do mineral viño a "quitar fame" a máis de 200 persoas da comarca: salarios decentes, pagas extras, economato, e ata seguridade social foron algúns dos beneficios que se obtiveron por aquel entón, tal e como nos conta Eliseo, un dos "Bardos", grupo musical da época, e durante 30 anos traballador do caolín. Desde os 13 anos viviu os momentos de esplendor na minería, grazas a iso puido casar e crear unha familia, ata que as portas de acceso pecharon... para non volver abrir nunca máis.

Eliseo ten... e que máis nos dá os anos que ten!! Só hai que ver os seus ollos vivarachos, o seu verbo atropelado pola emoción do que ten tantas historias para contar, as súas mans encallecidas polo duro traballo de toda unha vida. Con parsimonia parte a leña que quentará o puchero durante o inverno, a calefacción da que el e a súa muller obteñen calor na súa Coens de toda a vida....

Cóntanos, que antes aquilo era unha remota aldea, e que hoxe segue sendo unha aldea... pero con estrada, coches e tractor. As vacas hai que ordeñarlas todos os días do ano, faga frío ou calor; o millo que serve de forraxe para o gando, e hai que plantalo igual que antes, e recollelo para darlle para comer. O leite, hoxe non é negocio pero os animais hai que seguir manténdoos. A vida segue sendo dura para o agricultor. Eliseo estraña a mina, o "colleron" por pena, e alí deu 30 anos de vida, de sufrimento, de traballo... "Ogallá voltaran aqueles tempos"...

Lembra con ilusión os centos de actuacións que facían polas vilas da comarca. Non había festa, primeira comuñón ou casamento onde non lles chamasen para actuar, e loxicamente alí acudían... a pé!, por pouco máis que un prato de caldo da época. "Foi a mellor época dá miña vida", confésanos con añoranza Eliseo.

Hoxe, de todo aquilo, quedan uns pobres vestixios: unha lagoa artificial da explotación ao descuberto, varias torretas do "telesférico" (algunha camuflada pola paisaxe) que trasladaba as vagonetas de caolín ata Laxe e unha cheminea de ladrillo pertencente ás instalacións onde se "quentaba" o mineral antes de ser embarcado no porto reformado para devandito fin. Preto da praia, aínda hoxe, poden observarse restos de mineral, parcialmente ocultos pola vexetación.

Esas torres que poden ser observadas no val de Serantes, aló érguense cal muíños de vento, ou vellas pantasmas que nos observan desde o alto, vixiando o noso quefacer diario... amosándonos día a día que nalgún tempo, fai anos... Laxe tivo un pasado distinto ao futuro que hoxe se lle presenta.

  • José Manuel Ojén León.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios