sábado. 03.05.2025
El tiempo
10:10
11/01/13

Agora que todo comeza

Agora que todo comeza

Rematado 2012 estaría ben valorar para que serviu.

En clave nacional hai cousas evidentes. España é un pais mais pobre, (espiritualmente falando, non so polas pelas) pero tamén mais rico.

Este ano comprendemos (algúns, unha minoría aínda) que vivimos unha loita de eles contra nós. Que non hai “clases” no sentido estrito da división económica clásica. Hai só dúas. Eles e nós.

Eles gobernan, dirixen e deciden en función de intereses espurias, internacionais e globalizadoras co único fin de impoñer un xeito de entender a vida que non nos convén a ninguén. Eles pretenden que un mal chamado neoliberalismo dirixa o mundo, o meu mundo, o noso mundo. Eu non o quero porque me fai moitísimo máis difícil a vida. Cando antes entendamos todos iso moito mellor e 2012 serviu para que unha porcentaxe importante se sumase a esta corrente de pensamento.

Nós, os que non somos eles, estamos aquí so para sufrir. Para pagar e calar. Crer que existe entre a caste dirixente alguen disposto a romper esta tendencia e esperanzador, aínda que cada vez teño menos esperanzas de que ninguén con auténtico poder estea disposto a facer que as tornas cambien, a remover o modelo ata rachalo ou trocalo en algo totalmente distinto o que é agora.

Esperanza. 2012 é o ano da esperanza obrigatoria, porque cando non queda nada máis trala tormenta o único que se pode é ter esperanza. Esperar un dia mellor, un mes mellor, un ano mellor. Agardar que os marcharon o fixeran para ben e que os quedan o fagan o mellor posible. Esperar que os que chegan non teñan que vivir nun mundo tan miserable que é capaz de xustificar que os ricos rouben os pobres coma “xeito de goberno lexítimo”.

Responsabilidade. O ano que rematou é o da responsabilidade e o que entra máis. De existir esta nun país podre por dentro coma o noso, ducias de indesexables irán ou ben ó cárcere ou quedaran inhabilitados para a vida pública porque o seu comportamento é tan atroz que non merecen estar entre os demais. Entre nós. A xustiza é un ben tan escaso que as veces resulta talmente area que nos escorre por entre os dedos.

Na nosa bisbarra 2012 só foi un ano máis dentro dunha serie de décadas anodinas nas que nin imos nin volvemos. Nin arre nin só, que se diría. Os debates que lembro dende que comecei a mirar dentro da carpa deste circo o que chamamos Costa da Morte seguen a ser os mesmos. Repasar as miñas diatribas de 2008 é morrer. Non son Nostradamus pero a porcentaxe de acerto é moitísimo maior que os erros, aínda que estea mal que eu o diga.

O que era inútil entón segue sendo inútil hoxe pero a fronte das nosas institucións, dos nosos alicerces sociais seguen os mesmos personaxes vergoñentos, iletrados e absurdos que hai 20 anos, que hai 10 anos, que hai un ano. E gastamos os cuartos na mesma cousas, e caemos nos mesmos erros, e metémolo zanco no mesmo mentres as tabernas seguen sendo os nosos “foros” romanos e a autoridade se demostra berrando ou descualificando, nunca argumentando, nunca exhibindo e contrastando.

365 dias despois o que era é, e o que será non o sabe ninguén. Ou si.

Este ano para mi é glorioso, ao fin. Pero nin polo que foi, nin polo que trouxo, nin polo que deixa. É glorioso porque hai cousas que ata a min me fan calar por ausencia de palabras para definilas. Hai cousas que están por enriba de nós, de min, de todos. E esas, grazas o ceo, son sagradas e inmutables.

Parafraseando a Kennedy. “Esta é a época na que o home debe saber que só está na terra de paso, que só está aquí para tratar de mellorar, que somos falibles e que somos mortais. O demais é cousa nosa”.


  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios