xoves. 01.05.2025
El tiempo
11:19
12/05/14

Aniversario

Este mes de maio cumprimos un ano publicando artigos sobre economía municipal. Entenderán que aproveite o aniversario para expresar, brevemente, a miña gratitude a todos os que configuramos esta sección.

Comezarei polos responsables deste diario, non por darlles coba (–que tamén–), senón polo inusitado de apostar por un espazo de opinión sobre economía pública específica dos nosos concellos. Grazas, ademais, por ofrecerme o encargo, e por respectar literalmente o contido dos artigos, permitíndome escribir con absoluta liberdade.

Quixera dirixirme publicamente aos lectores, para manifestarlles a miña consideración máis sincera, provista dun inquebrantable compromiso de lealdade e respecto. É o único que podo aportar, xunto ao rigor dos datos e opinión crítica, non exenta de xuízos de valor, sobre cuestións que nos afectan a todos. Agradecemento explícito aos que me confesaron persoalmente que seguen esta columna; e aos descoñecidos, que xa non o son tanto ao premer algunha vez Me Gusta ou compartir a información no seu Facebook.

Non quixera rematar sen desexarlle sorte e éxito na xestión aos nosos alcaldes. Porque, co seu acerto saímos todos beneficiados. Continuarei con críticas molestas, aflorando datos que para algúns estarían mellor ocultos. En definitiva, incomodando un pouco, sobre todo a aqueles acostumados a silencios excesivos da súa xestión.

Por deformación profesional e preferencias temáticas (ou como se lle queira chamar), gústame escribir sobre economía pública municipal. Así que, continuarei coa teima, intentando explicar as finanzas dos nosos concellos coa máxima sinxeleza posible; comentando resultados das principais magnitudes orzamentarias; denunciando problemas estruturais básicos que deterioran o municipalismo galego; etcétera, etcétera, etcétera. Todo, co único propósito de compartir con vostedes reflexións persoais e información económica da nosa vixente realidade municipal.

Nada máis e, outra vez, infinitas grazas a tod@s.

  • Domingo Guerra(domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios