Venres. 29.03.2024
El tiempo
08:10
21/03/12

Aparello de Nollet

Aparello de Nollet

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Aparello de Nollet

  • Inventor: Jean Antoine Nollet (1700 - 1770)
  • Fabricante: G. Fontaine (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Mecánica de sólidos

Descrición e funcionamento

Aparello formado por unha base de madeira con pés regulables en altura, que sustenta un portante vertical tamén de madeira. No extremo superior o portante leva un soporte transversal no que poden fixarse as cordas destinadas a soster distintas bólas e, na parte baixa, un medio arco graduado 80 - 0 - 80.

As bólas, esferas de marfil, poden situarse en fila horizontal regulando a altura das cordas, de xeito que queden en equilibrio no cero do arco graduado.
Na actualidade monta unha única esfera, pero dispón doutras dúas colocadas sobre un sitio específico na base. Todas as esferas levan encastrada unha punta metálica para poder apreciar con exactitude a súa posición sobre a escala curva.

Este aparello utilizábase para a comprobación experimental das leis do choque nos corpos elásticos. As prácticas máis comúns consistían en:

  • Deixando caer unha esfera dende o grao 50 (or exemplo) sobre outra situada no cero, ésta ascende ata o grao 50 e a chocante queda no cero.
  • Se situamos unha esfera no grao 30 e a outra no 60 e as deixamos caer simultaneamente, a primeira sube ata o 60 e a segunda ata o 30 despois do choque.
  • Deixando caer unha esfera de dobre masa dende o grao 15 sobre outra no cero, a primeira sube ata o cinco e a segunda ata o 20.

Tamén pode utilizarse para comprobar qe o choque dunha esfera sobre unha fila doutras de igual masa, provoca o desprazamento da última quedando as restantes en repouso.

O inventor

Jean Antoine Nollet foi un eclesiástico e físico francés que era coñecido co nome de Abade Nollet.
No 1743 publicou a súa obra “Leccións de física experimental”. Descubreu a difusión dos líquidos e observou como o son pode propagarse nun medio líquido. No 1748 descubreu o fenómeno da osmose en membranas naturais. En 1750 inventou un electroscopio con láminas de ouro. Realizou reformas na botella de Leyden, inventada por Pieter van Musschenbroek, á cal reemprazoulle a auga que contiña por láminas de estano ou de cobre.

Estivo moi interesado na nova ciencia da electricidade, que explorou ca axuda de Du Fay e Réamur. Foi membro da Royal Society.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios