xoves. 01.05.2025
El tiempo
07:26
03/03/15

As cartas do Avó Pascasio: No corazón dos arxentinos

As cartas do Avó Pascasio: No corazón dos arxentinos

Moi querida neta Cristina:

Neste mes de marzo tería que volver insistir na solución ao pinchazo no Centro Galego de Bos Aires pero deixareino para máis adiante. Agora mesmo e antes de pasar ao motivo da miña carta corresponde facerche chegar o maior dos parabéns polo serio, didáctico e patriótico discurso do domingo no Congreso da Nación. Os que pensaban que estabas deprimida leváronse un bo correctivo. Viron a unha Xefa do Estado que se mantén firme e que cumprirá o mandato que lle outorgou o 54% do electorado.

Escríboche para falarche do novo billete de 50 pesos. Na última reunión da agrupación “Cristina da Fonsagrada” interveu o compañeiro Alejandro Campos Ramírez. Xa che comentei que inventou o “metegol” e que naceu no fermoso pobo mariñeiro de Fisterra. Acá fago un paréntesis para expresar a nosa queixa ao ”tano” Campanella por non bautizar ao protagonista da súa película co nome de pila do seu xenial creador.

Na súa longa intervención, Alejandro é persoa moi culta, ilustrounos coa lectura de varios capítulos dun libro que recentemente lle chegou en envío especial desde o Fin da Terra. Trátase dunha obra divulgativa titulada “Fisterra, derradeira perla de occidente” da autoría do recoñecido poeta Modesto Fraga Moure. Recomendounos cada unha das páxinas porque transmiten a emoción da espuma viaxeira que nos leva a navegar na compañía fraterna dos máis valentes marineros. Antes de pechar o libro quitou do seu interior un reluciente billete de 50 pesos. Sorprendeunos xa que non tiñamos noticia da súa existencia.

Mostrounos o billete por anverso e reverso. Vimos que se lle encheron os ollos de bágoas. Preguntounos se nos gustaba o seu deseño e si viamos algo especial nel. Todos os presentes coincidimos en que ten unhas lindas cores que fan referencia á bandeira de Belgrano. Comentamos que o billete é un moi acertado medio para renderlle homenaxe ao pobo arxentino, claudica no seu defensa da soberanía nacional sobre as Malvinas, Georgias do Sur, Sandwich do Sur e os espazos marítimos correspondentes. Un compañeiro agregou que a imaxe reproducida é de Antonio Rivero, o gaucho altivo que en 1833 encabezou a resistencia contra os ocupantes ingleses.

Coa voz entrecortada, moi emocionado, manifestou estar moi agradecido á neta Cristina Fernández o acordarse de honrar ao marinero emigrante Manuel Olveira Traba. No cemiterio de Darwin gravaron o seu nome xunto aos que alí morreron aínda que o noso heroe de Lanús non está alí enterrado porque o seu corpo non foi atopado. Morreu o 10 de maio de 1982 cando os piratas ingleses afundiron o buque mercante "Illa dos Estados". Alejandro pasounos o billete a cada un de nós. Ao observalo con detenimiento vimos a Olveira recostado encima dun mullido manto de sargazos en animada faladoiro cun albatros e unha gaviota.

Creo é mellor que che trascriba literalmente o que expresou Alejandro ao terminar a súa intervención: "Os arxentinos non esquecen que no mar patagónico ten agora o seu fogar o heroico mariñeiro galego Olveira. Nesta xenerosa terra os meus paisanos de Fisterra integráronse en harmonía para contribuír co seu esforzo honrado ao progreso colectivo dun país repleto de riquezas naturais. As familias Canosa, Ínsua (ollo, leva acento, non?i?), Olveira, Traba e Velay son parte activa do actual ciclo de recuperación económica".

Ademais houbo quen ofreceu a súa vida pola nova patria como no caso do meu paisano Manolo que morreu afogado logo de rescatar a varios dos seus compañeiros daquela fatídica singradura. O vindeiro domingo 10 de maio cumprirá 33 anos de vida austral. Comprázome en informar que está convocado un acto recordatorio por parte dos seus amigos e veciños de Lanús e polos familiares residentes no municipio de Fisterra. O domingo 10 de maio, pola noite, o meu bo amigo Alexandre Nerium lerá un poema alusivo para reafirmar a sólida hermandad de sentimentos entre os arxentinos do norte e os galegos do sur. Agradézolles a todos a súa atención e pido un forte aplauso para o gran emigrante Olveira Traba.

Despídome. Espero que o domingo 10 de maio póidaslle dedicar uns minutos do teu tempo a recordar ao mariñeiro Olveira. Recibe o abrazo do avó fonsagradino que cada día se sente máis orgulloso dunha neta que cumpre como unha campiona co mandato das furnas.

- Pascasio Fernández Gómez.
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios