xoves. 01.05.2025
El tiempo
23:47
19/05/15

Comparacións incomparables

Comparacións incomparables
General Elections 2015

Esta semana resultoume moi doado escoller temática para o meu artigo: as eleccións xerais no Reino Unido e os vindeiros comicios en España.

Como supoño xa saberedes, David Cameron –líder do Partido Conservador (o equivalente ao Partido Popular no noso país) e actual Primeiro Ministro- acadou a maioría absoluta contra todo pronóstico, xa que todas as enquisas apuntaban a un reparto moito máis igualado dos escanos. Máis alá dos resultados en si, quixera centrarme nalgunhas análises e interpretacións que tiven ocasión de ler e escoitar durante estes últimos días.

O venres, Soraya Sáenz de Santamaría –vicepresidenta do Goberno e voceira do PP- afirmou en rolda de prensa que o acontecido en Reino Unido pode ser semellante ao que está sucedendo en España, onde as enquisas tamén auguran unhas votacións moi competidas e igualadas. Segundo a dirixente popular, os cidadáns británicos souberon valorar as políticas económicas de austeridade, que propiciaron a saída da crise e o crecemento do emprego, e, dende a sede da rúa Xénova, agardan que no noso país se calque a situación.

Dende o meu punto de vista, non se poden comparar situacións que son absolutamente incomparables. Tal vez os políticos e analistas manexen máis cifras e estatísticas ca min, pero eles non viven no Reino Unido, e eu si. Quero dicir con isto que, cando falamos de recortes e austeridade, eu non percibo que nas illas británicas afecte á educación, á sanidade e ás políticas sociais como o fai en España. Do mesmo xeito, a taxa de desemprego en Reino Unido sitúase en torno ao 6%, mentres que en España rebasa o 20%, e as axudas económicas alcanzan a todos os cidadáns que realmente o precisan, algo que non acontece no noso país. Ata onde eu sei, alomenos en Inglaterra non se está a desmantelar nin a educación nin a sanidade pública (de feito, sinto envexa cada vez que entro nun colexio ou nun hospital e vexo o nivel de organización que teñen e mailos recursos que destinan á mellora do servizo), e tampouco se multiplican os desafiuzamentos. Outra diferencia da que deberían tomar nota os nosos políticos está no nivel de autocrítica. O día posterior aos comicios produciuse unha cascada de dimisións nos principais partidos da oposición.

Pregúntome, por outra parte, como debía de ser este país no pasado cando agora se queixan dos recortes e do empeoramento das condicións de vida. Se agora España está a anos luz do Reino Unido, antes debía de estar a millóns de anos luz.

  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios