sábado. 07.06.2025
El tiempo
10:14
06/02/14

Eficacia recadatoria

Eficacia recadatoria

Todos os municipios de QPC acordaron, no seu día, delegar a xestión e recadación de ingresos de dereito público, na Deputación Provincial da Coruña.

Deste xeito, a Deputación coruñesa xestiona e recada todo tipo de figuras tributarias (taxas e impostos), tanto en período voluntario (dentro do prazo establecido), como en vía executiva (fóra de prazo), evitándolle aos concellos o traballo de xestionar, liquidar, inspeccionar e cobrar recursos, directamente. Pero, por esta labor, a Deputación cobra un canon. Non é un servizo gratuíto.

A institución coruñesa, presta este servizo desde o ano 1990, incrementando as cifras de recadación, número de concellos e figuras tributarias cedidas, ano tras ano. Este éxito, responde, seguramente, a tres aspectos fundamentais: 1) prescindir da laboriosa e complexa tarefa burocrática, derivada da xestión de ingresos públicos; 2) obter anticipos mensuais (entregas a conta da recadación definitiva), de balde, aforrando os custes financeiros (comisións, xuros, etc.), que cobraría calquera entidade bancaria por adiantar cartos; e, 3) eludir o custe político do alcalde, ao non ter que esixir, directamente, o recargo dos tributos e, chegado o caso, escapar do sempre delicado proceso de embargo de bens.

Ademais do anterior, hai quen considera que a eficacia da xestión recadatoria é maior cando se efectúa desde a administración provincial. Pois ben, como en todo, depende. E depende, porque ningunha deputación galega é igual a outra. E, porque, a prestación do servizo non é homoxénea. De feito, na de Pontevedra, por exemplo, existe un organismo autónomo (ORAL), que se encarga desta cuestión.

Neste sentido, o Consello de Contas de Galicia publicou un estudio referido a 2010, no que se comparan, en termos de eficacia recadatoria, resultados dos concellos galegos que xestionan directamente os impostos sobre bens inmobles (contribución rústica e urbana), sobre vehículos de tracción mecánica e taxas, fronte aos que teñen cedidas as competencias nas respectivas deputacións. Como resultado do traballo efectuado, conclúese que, nos municipios maiores de 5.000 habitantes, a xestión das deputacións é mellor que a realizada con medios propios. Sen embargo, os concellos to tramo de menos de 5.000 habitantes, que delegaron estas atribucións, presentan peores resultados que os que xestionan directamente estes tributos. Hai empate.

Este informe concreta, para a caso da nosa deputación, que os concellos menores de 5.000 habitantes non delegaron o imposto sobre bens inmobles nin o imposto sobre actividades económicas. No imposto de vehículos, os municipios que cederon esta competencia reportaron mellores resultados que os que xestionaron o imposto desde o propio concello. Pero, tamén se indica, que os concellos que delegaron taxas, obtiveron peores resultados que os que as cobraron con medios propios. Outro empate.

Afirmar, rotundamente, como fai a Deputación, que prestar servizos de xestión e recadación tributaria, aproveitando as economías de escala, resulta máis eficaz para os concellos pequenos da nosa provincia é, á vista do exposto, cuestionable.

  • Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Novas relacionadas

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios