España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos
Cando un chega a Inglaterra procedente de España dáse de conta de que, a pesar da escasa distancia entre os dous países, existe un abismo entre a realidade dun e outro, sobre todo no que atinxe ao eido económico.
A semana pasada, o goberno británico fixo públicos os datos económicos dos últimos meses, e non puiden evitar lembrarme de España e establecer unha comparación. A taxa de desemprego sitúase aquí en torno ao 6%, a anos luz do 25% no caso español. A esta cifra cómpre engadir o feito de que outubro foi o décimo-oitavo mes consecutivo de descenso do paro. Ademais, o número de cidadáns que perciben o Jobseeker Allowance (o equivalente á prestación por desemprego no noso país) acadou o seu nivel máis baixo dende o ano 2008, cando deu comezo a crise económica.
O certo é que estes datos espertan envexa e destapan todas as carencias que o noso país aínda arrastra. Malia todo, España tamén esperta envexa entre os británicos, pero por moi diferentes motivos. As nosas paisaxes, a nosa gastronomía, a nosa riqueza cultural e maila calidade de vida da que gozamos fan que moitos deles nos elixan como destino vacacional por excelencia. Así pois, a realidade amosa, paradoxicamente, que moitos españois nos estamos desprazando a Reino Unido para buscar traballo, ao mesmo tempo que moitos británicos se moven a España para buscar descanso no seu período vacacional.
O país ideal semella ser o resultado da fusión de Reino Unido (por motivos laborais e de organización social) e España (por calidade de vida, gastronomía e paisaxes). Conseguiremos que algún día España se convirta nese país de ensoño?
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).