Sábado. 20.04.2024
El tiempo
21:26
03/01/12

Gravado "La Virgen del pez"

Gravado "La Virgen del pez"

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Gravado "La Virgen del pez"

  • Autor: Fernando Selma (1752 - 1810).
  • Cronoloxía: Orixinal gravado en 1782.
  • Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Gravados.

Descrición

Entendemos por gravado o resultado do traballo realizado sobre unha superficie de madeira, metal, linóleo ou pedra litográfica, chamada prancha ou matriz, por medio de instrumentos cortantes, punzantes ou de ácidos que atacan a superficie.
O resultado é a estampa, soporte seralmente de papel ó que se trasladou a imaxe por medio da tinta, ó poñer en contacto a folla de papel coa prancha gravada e tinguida, exercendo presión cun tórculo ou prensa vertical.

Por extensión tamén recibe o nome de gravado a estampa así realizada, de xeito que se confunde o proceso co resultado. La Virgen del Pez é un cadro de Rafael Sanzio, tamén chamado Rafael de Urbino (1483-1520), pintor italiano do Renacemento. Aínda que se descoñece a data exacta da obra, pódese datar no 1513, época na que Rafael estaba traballando nas estancias vaticanas.

Represéntase nesta obra unha Sagrada Conversa, típica do Renacemento italiano, na que aparece a Virxe María entronizada, co Neno en brazos, rodeada por San Xerónimo e polo Arcanxel Rafael presentando ó mozo Tobías que suxeita un peixe, elemento que lle da nome a obra.

Os gravados, como éste, xogaron un papel fundamental por difundir entre a poboación as obras dos grandes pintores, as cales, de non ser así, serían descoñecidas para gran parte do público.

O autor

Fernando Selma foi un célebre gravador español nacido en Valencia. Fixo os seus estudos na Academia de San Carlos (Valencia) e na se San Fernando (Madrid).
Pensionado por Carlos IV e protexido pola Academia de San Fernando, aproveitou ó máxino os consellos dos seus mestres, Bayen e Carmona, manifestando nos seus debuxos, ó pouco tempo, unha corrección e delicadeza que participaba da dozura e suavidade do seu carácter.

Foi nomeado individuo de mérito da Academia de San Fernando, director da de San Carlos, e obtivo o título de gravador de cámara.
Despois de morrer en Madrid en 1810, moitas das súas obras foron vendidas pola súa viúva á Real Calcografía Nacional, entre as que se atopaba o orixinal de “La Virgen del Pez”, do que a Fundación ten unha reprodución.

Once son os gravados que se conservan na Fundación Fernando Blanco, dun total de trinta e seis que, procedentes da Real Calcografía Nacional, o Ministerio de Instrucción Pública donou á entidade ceense no curso 1915-1916, conformando no seu momento unha recopilación dos máis afamados gravadores, tales como Bartolomé Maura, Fernando Selma, Joaquín Ballester ou Eugenio Lemus, o que non fai senón confirmarnos a gran calidade desta colección en boa parte desparecida.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios