Venres. 26.04.2024
El tiempo
08:30
14/03/12

Máquina pneumática

Máquina pneumática

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Máquina pneumática

  • Inventor: Otto von Guericke (1602 - 1686)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Pneumática

Descrición e funcionamento

Aparello construído en bronce e vidro, apoiado sobre tres pes metálicos, que asenta sobre unha mesa de madeira de 70 x 50 cm. Consta de dous corpos de bomba, con movemento alternativo, nos que os émbolos suben e baixan mediante unha roda dentada, que engrana nas súas cremalleiras, e que se move por unha manivela de dous brazos. Cada émbolo leva dúas válvulas, unha no extremo da variña que atravesa o émbolo e a outra na base do propio émbolo. A chave de Babinet, situada na bifurcación da canle que conduce o aire da campá (da que carece esta máquina) ós corpos de bomba, ten dúas posicións. Cando está horizontal permite a comunicación do recipiente cos dous corpos de bomba; cando se xira un cuarto de volta presenta só o conducto central e un lateral que permite a comunicación entre o recipiente e o corpo da esquerda, quedando o da dereita para facer o baleiro. Xogando con esta chave obtense un grao de enrarecimento próximo a unha tensión de 1 mm. de ácido sulfúrico, que pode comprobarse cun barómetro truncado (soe encherse deste ácido en vez de mercurio), e que só indica presións máis baixas que a atmosférica.

Esta máquina estaba destinada a facer o baleiro ou, como se describe nos libros da época, "a enrarecer o aire dun recipiente, diminuíndo a súa forza elástica". Os dous corpos de bomba, nos que o movemento é alternativo, reducen á metade o tempo empregado, e aproveitan os efectos da presión atmosférica no propio movemento dos émbolos. Nas de só un corpo, ó enrarecerse o aire dentro da campá, costa cada vez máis subir o émbolo. Neste modelo de dous corpos o efecto equilíbrase: mentras se fai subir un, o outro é impelido pola atmósfera, axudándonos na manobra. A idea orixinal deste aparello débese a Otto Guericke, en 1650. As modificacións máis importantes débense a Hawksbee, que a dotou de dous corpos de bomba, e a Babinet, que coa súa chave incrementou moito o poder de baleiro.

O inventor

Otto von Guericke foi un físico alemán que estudiou dereito nas universidades de Leipzig e Jena, e matemáticas na universidade de Leiden. Dende 1646 traballou como xuíz na cidade de Magdeburgo, pero a súa verdadeira paixón foi a física.

En 1654 realizou unha espectacular demostración da inmensa forza da que a presión atmosférica podía exercer (hemisferios de Magdeburgo). Mostrou que cando dous hemisferios de 50 cm. de diámetro, perfectamente axustados, eran unidos de forma que formasen unha esfera, e se facía o baleiro no seu interior, non había forza humana capaz de separalos.
Comprobou tamén que o son non pode propagarse no baleiro, e fixo numerosas investigacións sobre electrostática. Tamén en astronomía foi un dos primeiros en afirmar que pode predecirse o retorno dos cometas.
No 1672 publicou a súa obra “Experimenta nova, ut vocatur Magdeburgica, de vacuo spatio”, onde describre o seu célebre experimento cos hemisferios de Magdeburgo.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios