Mércores. 15.05.2024
El tiempo
09:29
19/07/11

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX): Evolución a través dos rexistros sacramentais (I)

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX): Evolución a través dos rexistros sacramentais (I)
Unha vez, calibrada a fiabilidade das fontes parroquias, que no noso caso ofrecen as mínimas garantías, pasaremos a ve-la evolución da poboación para o período comprendido entre os anos 1660 e 1860 (As parroquias manexadas  son as de Ameixenda, Cee, Lires e Toba. Nesta última os rexistros comenzan no ano 1672, polo que fixemos uns cálculos aproximados para uniformiza-la serie desde 1660. Fixemos unha segunda evolución demográfica con inicio no ano 1700 para engardille os datos da parroquia de Brens. Tamén temos que deixar constancia que na evolución dos casamentos non se inclúen os datos da parroquia de Ameixenda por estar incompletos os libros, razón tamén pola que non se empregaron os libros pertencentes á parroquia de Pereiriña). A análise da documentación parroquial, o que nos levou a traballar con máis de 10.000 partidas, constitúe un medio moi eficaz de achegarnos as circunstancias do desenrolo experimentado por unha sociedade en particular. Como afirmou o profesor Pérez García, sería significativo contar coa mortalidade infantil, xa que estes son os máis afectados nas épocas de crise, pero o feito da súa ausencia nos rexistros non é sumamente grave porque a súa introducción non cambiaría  as oscilacións na marcha da mortalidade xeral, aínda que sí, lóxicamente, a súa amplitude. A observación das distintas gráficas, especialmente as do movemento anual, mostra a existencia dunha curva suxeita a fortes alteracións, que ás veces, especialmente nos momentos de crise, presentan movementos concordantes para as tres variantes (nacementos, casamentos e defuncións). É ben coñecida, a este respecto, a relación en cadea que ten lugar cando hai un debilitamento das bases alimentarias: a mortandade aumenta e os nacidos, xunto cos casamentos, disminúen. Exemplos desta situación daríanse nos anos 1669, 1672, 1699,1710, 1739, 1769, 1794, 1809, 1826, 1832... A situación contraria (épocas de bonanza con subida forte dos nacidos e matrimonios, xunto coa baixa da mortandade) dáse nos anos de 1687, 1701, 1731, 1746, 1765, 1780, 1812, 1834... O comportamento da poboación ceense nos dos séculos analizados a  partir da documentación parroquial queda moito máis claro observando os gráficos das medias móviles, que reflexan a evolución poboacional na larga duración, tomando como base períodos de once anos, polo que as fortes subidas e baixadas do movemento anual quedan “diluidas” no panorama xeral. O que se observa nos gráficos das medias móviles dos bautizados é un importante ascenso dende 1660, que ven alomenos desde dúas décadas atrás, que chegará ó seu culmen no ano 1708. Desde aquí iniciarase un século XVIII de estancamento con momentos críticos na década dos 20 e no período que vai desde 1745 a 1775. Nas dúas últimas décadas do s. XVIII iniciase unha recuperación momentánea , xa que os inicios do s. XIX, época de conflictividade bélica, afectou con máis forza ás zonas litorais. Os acontecementos da Guerra de Independencia contra os franceses tamén inflúen na ralentización do crecemento e será a partir do ano 1815 aproximadamente cando teña lugar o inicio dun período de 20 anos nos que a curva dos bautizados sube con firmeza, para logo iniciar un descenso na década dos 40, momento de crise para as pesquerías, que seguirá na década seguinte, na que a epidemia de cólera dos anos 1854-1855 afectou a boa parte da costa galega, se ben no caso de Cee a súa gravedade foi moi tenúe. O forte crecemento da segunda metade do século XVII foi posible, ademáis polo crecemento continuo dos nacidos, por unha mortandade “benigna”. Non será ata finais da década dos 80 cando esta empece a subir claramente hasta culminar no bienio fatídico de 1709-10. Lóxicamente, co frenazo brusco no crecemento da poboación, a mortandade inicia tamén unha tímida baixada, se ben será o período  entre 1725 e 1745 o máis dramático dos dous séculos estudiados. Detrás desta situación está o encadeamento de malas colleitas, que fai subir considerablemente os precios do cereal, alimento básico, aínda que nos encontremos nunha zona litoral. Atopamos aquí a explicación á situación de estancamento poboacional do século XVIII, polo que se pode afirmar que o modelo demográfico ceense ven regulado pola mortandade e pola fecundidade.

Novas relacionadas

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios