Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco

Tal e como indica o informe da visita pastoral de 1817 acaecida no arciprestado de Bergantiños, a custodia de Valenza é a peza de ourivaría máis destacada desta comarca, ante todo pola súa historia e tamén polo seu valor material. O 24 de xuño de 1690 naceu nesta parroquia, e foi bautizado, Juan Martínez de Antelo, fillo de Antonio e Juana; nunha data descoñecida Juan emigrou cara o continente americano, concretamente para Oaxaca, México, onde logrou facer fortuna mediante unha serie de facendas e propiedades en Antequera de Oaxaca, chamadas de “san Xoán”, “san Xacinto” e “Os Laranxos”. Recordando con morriña a súa terra natal, enviou en 1731 para Cereo, parroquia matriz de Valenza, un cáliz de prata fina con copa dourada por dentro, patena e vinaxeiras, pezas que despois de ser embarcadas en México, foron traídas ata o porto de Ferrol. Do mesmo xeito, é moi posible que un anel de diamantes que tivo a patroa da parroquia de Cereo fose unha esmola deste americano.
No ano 1733, Juan Martínez encargou a fermosa custodia para a súa freguesía natal, Valenza, como reza a inscrición, agora lexible pola limpeza á que foi sometida: “//A devoción del señor don Juan Martínez// de Antelo, para el Santísimo Sacramento de// la feligresía de San Pedro de Valencia de Bergan// tiños, arzobispado de Santiago 1733//”. A custodia divídese en catro partes: a base, que mide 10 cm de alto; unha peza intermedia de 6 cm; outra peza intermedia cun nó, que mide 10 cm; un anxo que alcanza os 14 cm e a parte superior cos raios que conta con 29 cm de diámetro. Mide en total 63 cm e está realizada na súa totalidade en prata sobredourada.
A base conta cunha serie de bandas cóncavas e convexas, onde atopamos catro medallóns cos anagramas de Xesús (acompañado de tres cravos), dous neste caso, o nome de María (coroado cunha diadema) e o de san Xosé (coroado cunha flor). Esta parte inferior pousa sobre catro pés trifolios, colocados en liña cos motivos heráldicos; entre estes atopamos catro cabezas de anxos. Nos espazos baleiros xorden motivos decorativos a base de roleos e volutas, repuxados e cicelados, e para engadirlle máis riqueza foron dispostas varias pedras preciosas; consérvanse hoxe dez pedras en total, catro de cor verde, dúas de cor ámbar e catro violetas. Contando os buracos das que faltan, chegamos a botar en falta seis pedras, perdidas pola escasa suxeición destas, feita por unhas débiles pestanas de prata.
A seguinte parte é un cilindro con varias liñas sobresaíntes ás que se engaden catro “ces”, onde no seu intermedio existía cadansúa pedra; só se conserva unha, botando en falta tres. Na seguinte altura atopamos un gran nó en forma de trofeo, onde se sostiñan unha especie de sereas ou de seres mitolóxico, con rostro feminino, brazos enroscados como dúas volutas e parte inferior en forma de tres follas, onde no seu centro se atopaba unha pedra. Hoxe só se conserva unha, franqueada por dúas pedras. Nesta parte desapareceron tres seres con cadansúa pedra, e outras dúas pedras máis decorando as partes lisas. No seguinte andar atopamos un fermoso anxo tenante, que poderíamos asociar ao arcanxo san Miguel, xa que parece un soldado polo casco que leva, que sostén o Cordeiro apocalíptico. O anxo represéntase calzado con botas, coas pernas sen cubrir, ataviado cunha túnica curta a modo de saia e outra superior, cinguida na cintura cun cordón. Como estende os dous brazos para soster os raios que emite a Sagrada Forma, e isto supón un gran esforzo para este, arremangouse ata case os dous ombros cunha especie de botóns. Pola parte posterior sobresaen as súas ás, dispostas en simetría e cun tratamento moi pormenorizado de cada unha das plumas. Este anxo ten no interior da súa base unha vara duns 16 cm que enrosca na base, e que serve de nexo e sostén das outras partes anteriores.
En canto a seguinte e última parte, contamos cun viril ou relicario duns 10 cm de diámetro, con dous vidros sostidos cuns cerquiños, onde se coloca a Forma consagrada. Ao redor deste habitáculo hai oito anxos, e paralelos a estes unha aureola de pedras preciosas, unhas vinte dúas, oito de color azul e catorce brancas, onde faltan catro. De forma radial saen vinte catro raios rectos rematados nunha estrela (tres están perdidas, e non se atopan no raio que serve de unión coas mans do anxo e co engarce na súa cabeza, onde aparece por cada face cadanseu anxo) e outros tantos raios sinuosos ou flamexantes que teñen no seu extremo uns anxos (excepto dous na parte inferior). A custodia remata nun Deus Pai revestido como Pontífice, con tiara, orbe e dando a bendición, e con Deus Espírito Santo representado en forma de pomba no seu peito. Deste xeito, como na Sagrada Forma está Deus Fillo, Xesucristo, presente sacramentalmente, coas dúas iconografías anteriores temos a toda a Trindade reflexada nunha mesma peza.
Máis artigos de Luís Bermúdez
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños