O hórreo do presidente Mujica
10:47 22/12/11
Dona Diáspora quere que don Xosé Mujica Cordano –cando veña por Galicia-- coñeza a unha retornada do Uruguai que vive no Milladoiro [Ames]. A señora Valentina, agora viúva, desembarcou no peirao montevideano en novembro de 1958. Alí pasou 35 anos da súa vida. O presidente da República Oriental do Uruguai é unha persoa sensible ao que lle comprace moito poder escoitar aos protagonistas nunha experiencia migratoria que encheu de solidariedade a beira artiguista do Río da Prata.
A retornada terá preparadas unhas tortas fritas ao estilo galego, é dicir, feitas con graxa de porco. Son a mellor compañía para os mates que compartirán que poida lle resulten demasiado suaves ao presidente xa que hai anos que se pasou a unha yerba con yuyos da marca “Salud y Flora”. O primeiro comentario que lle fará ao presidente uruguaio é que probou o seu primeiro mate o domingo 30 de novembro de 1958 que foi o día no que o Partido Nacional volveu ao goberno despois de 90 anos de repetidas goleadas do Partido Colorado.
Logo comezará lembrando que era a filla máis nova dunha familia labradora de Vimianzo que tiña boas leiras e monte de abondo para que na festa da Ermida Vella puidese estrear roupa. Na súa casa nunca faltou o pan na artesa. O motivo que a levou a emigrar foi a de que o seu fillo puidese ter unha carreira universitaria. Os seus anos en Montevideo foron felices arredor das argolas e os flecos de algodón e as sombrillas de praia que fabricaba a empresa familiar. O sábados pola tarde facía unha empanada de pescada que compartía coas súas tres veciñas máis achegadas que eran Aída, Clelia e Elvira.
A nosa retornada irá debullando anécdotas que o presidente non esquecerá: a) os mellores coitelos de aceiro con mango de guampa facíaos Ramón de Castromil en Sayago; b) os mellores corasáns de Malvín eran os que amasaba Daniel da Andregalla na esquina de Orinoco e Río de la Plata; c) as corvinas máis frescas de Piedras Blancas eran as de Teresa de Xan no Mercado Municipal de Cuchilla Grande no seu posto concesionario do SOYP. Ás tres familias úneas unha sólida amistade desde os tempos das festas parroquiais que segue nos descendentes.
Logo de moito escoitar o presidente preguntará: Me gustaría saber, doña Valentina, si hubo alguna razón especial para volver ao que respostará con convencemento dicindo que se antes foi polo fillo agora foi polo seu netiño. Non quería por nada do mundo que o seu neto descoñecese que en Montevideo non vai máis que un mes de frío e case non se usa a calefacción nas vivendas. Informará tamén ao presidente de que para o primeiro cumpreanos do neto nacido en Calo [Teo] restauraron en Propios 3937 unha cachila Ford A de 1928 mercada no Cerrito de la Victoria. A foto de Hadrián sorrindo xunto a matrícula negra con números brancos [283.836] é a imaxe inequívoca de que había que volver.
Antes de despedirse --o presidente está convidado a cear en Carballo cos seus compatriotas da asociación El Ceibo-- a nosa retornada reflexionará sobre os gobernos frenteamplistas botando man do exemplo do típico hórreo galego. Preguntarálle a don Xosé se lembra cal era a alcancía do Banco de Galicia e cal era a do Banco Trasatlántico. Quere establecer un paralelismo entre o símbolo galego do aforro [de aí sae o actual verbo aforrar] e a recuperación do Uruguai. Dun galego honrado, don Xesús Canabal Fuentes, foi o da idea de que a alcancía do Banco de Galicia fose un hórreo e un malandra apelidado Peirano foi o promotor dos ómnibus como alcancías do Banco Trasatlántico.
O presidente move un pouco a bombilla para de seguido comentar: Creo entender lo que me quiere decir. Usted dice que el gayego Canabal intentaba que la gente pensase en solidez y en responsabilidad para ir poniendo en el hórreo unos mangos. En cambio, el afanancio del Peirano ya desde el principio jugó con otro mensaje. El de la movilidad ya que las ruedas son actividad, o inestabilidad o sea que la clave era detectar que una mentalidad es la de guardar y la otra la de mover la guita. ¿Ando en lo cierto?
A retornada sorrirá compracida porque o seu admirado Mujica é un home culto e observador que sabe que o hórreo era onde se gardaban as colleitas para protexer os cereais [centeo e millo] da humidade e dos ratos. Unha parte do cultivado era para comercializar e outra para o consumo familiar. Dunha boa administración do hórreo dependía o benestar da familia porque os invernos eran moi longos e moitas bocas para alimentar. O presidente está convencido de que o xeito galego de vivir sen excesos, sempre cuns aforriños, é o mellor exemplo para os cidadáns uruguaios e por iso non é casualidade que nomease ao “gayego” Lorenzo para dirixir a política económica.
A señora Valentina despide ao presidente cun saúdo para dona Lucía. Deséxalle que remate con saúde o seu período de goberno e pídelle que non esqueza aos miles de galegos que están enterrados nos cemiterios uruguaios. O pedido concreto é para cando volva ser cultivador de flores no seu querido Rincón del Cerro. Sería un moi fermoso acto de homenaxe que plante un camelio de Galicia para simbolizar a irmandade entre as bandas norte e sur do Atlántico. Logo de marchar o presidente a nosa retornada queda pensativa mirando para as tortas fritas. Lamenta que esqueceu ofrecerlle unhas filloas que deixou na cociña aínda que axiña o seu neto as levará quentiñas a Montevideo xa que malo será que no aeroporto de Carrasco poñan impedimento cando manifeste con fachenda: Se las manda mi abuela para el presidente de la República.
- Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)
Outros artigos dende Lonxe de Montevideo
- “La Juvenil” de Bos Aires e “Casa Cruz” de Baio.
- Forza Adolfo!.
- Dona Diáspora busca traballo en Montevideo.
- Galicia, entre Piriápolis e Tacuarembó.
- An Oriant, graciñas.
- Os mesmos sentimentos emigrantes en Bos Aires.
- Un rapaz solidario chamado Martiño.
- A maleta montevideana de dona Diáspora.
- A maleta arxentina de dona Diáspora.
- A forza dos Penedos de Pasarela.
- Dona Diáspora nas beiras do Río da Prata.
- En Bos Aires, unha romería solidaria.
- A páxina emigrante dunha gaiteira montevideana.
- Sempre na Habana!..
- Imos camiño da Habana?.
- O exilio de don Voto Perdido.
- A nosa herdanza na Habana.
- O futuro do Centro Galego de Bos Aires.
- As tres palabras que perderon os emigrantes.
- Unhas garimosas apertas de dona Diáspora.
- Dona Diáspora en Hollywood.
- Unha aperta fisterrá para Rosario Olveira en Montevideo.
- Ánimo para Cristina e adeus ao prezado irmán Carbajal.
- Galicia fíxose na diáspora.
- Un recordo para Andrés Pazos e unha aperta para Carlos Penelas.
- Dous herdeiros riopratenses: Noemí Rial e Jorge Muíño.
- Unha boa homenaxe aos emigrantes no Uruguai.
- Apertas galeguistas para don Manuel Cordeiro Monteagudo.
- As alegrías e as penas de dona Diáspora.
- Carlos López García-Picos, egrexio compositor betanceiro.
- Un tango para Rosalía de Castro.
- Forza Uruguai!.
- No “Derby” con Roxelio de Cesantes.
- Dona Diáspora quere máis retorno.
- Os grelos de Gladys.
- Os espazos emigrantes de dona Diáspora.
- As empanadas montevideanas de dona Valentina.
- Un baúl da Arxentina.
- A tolemia do voto emigrante.
- A singradura emigrante.
- O ingreso de Andrés Pazos na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A xenerosidade de don Marcelino de Alqueidón.
- Un adeus moi garimoso para Andrés Pazos Pérez .
- A necesaria unidade dos centros galegos en terras americanas.
- As mans de María.
- Unha sesión especial na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A miña noraboa para un país de primeira: Uruguai.
- O molete de Baio e os cruasáns de Malvín.
- Na Asemblea Celestial Riopratense queren que Pepe Mujica sexa o novo presidente do Uruguai.
- As miñas media ducia de razóns para non votar aos BLANCOLORADOS nas eleccións uruguaias.
- Forza Pepe! [O 25 de outubro hai eleccións presidenciais no Uruguai].
- Pérez Prado na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Un adeus fondamente galego para Antonio Pérez Prado.
- O centenario de Tacholas na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Debate sobre Gondomar na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- A miña noraboa para Castelao Bragaña.
- A biografía dun poeta emigrado.
- Hai moita preocupación na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Cando Cheíto de Romarís foi para Delémont.
- A sesión do 17 de maio na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense.
- Chegou o momento da UNIDADE aos fogares sociais galegos na diáspora.
- Chegou o momento do Espazo Emigrante no monte Gaiás.
- Na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega HAI DEBATE postelectoral.
- O debate entre Abraira e Sánchez na Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega .
- Balbina, unha centenaria de Rebordelo.
- Debate sobre o voto exterior na Asemblea Celestial da Emigración Galega no Río da Prata .
- Necesitamos axentes electorais con experiencia [Absterse os que teñan ética profesional].
- Unha conversa na pizzería montevideana “Subte”.
- A Costa tamén vota dende Lonxe de Montevideo.
- ¿Querés que te haga un churrasquito, Manolito?.
- A familia Penedos de Pasarela.
- Dona Dionisia de Cedeira e as vindeiras eleccións autonómicas.
- O neno do lobo en Montevideo (II): Na esquina de Propios e Carabelas.
- O neno do lobo en Montevideo (I): "Na esquina de Pantaléon Artigas e Ipiranga".
- Unha boa vacina contra do peronismo.
- ¿Querés un mate, gayego? Tomá mate, che que en el Rio de la Plata no se estila el chocolate.
- O fotógrafo preferido de Carlos Gardel.
- A güeya dun gaucho de Ribadeo.
- Os charrúas do Uruguai e as charrúas de Allariz.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Un atípico emigrante da Laracha en Montevideo.
- Os nosos herdeiros riopratenses.
- A democracia dun capador bergantiñán en Montevideo.
- Un emigrante de Fisterra.
- Os emigrantes dicimos NON aos que queren pechar as portas.
- Entre Barcelona e Montevideo, díptico emigrante.
- De Barallobre a Bos Aires .