Os mass media británicos
13:06 27/03/15
Había unha vez unha rapaza que soñaba con ser xornalista, porque, na súa inocente e soñadora mente, cría que era unha profesión idónea para denunciar as diversas inxustizas, axudar aos cidadáns e, deste xeito, convertirse na voceira dos máis desfavorecidos.
A súa ilusión, nembargantes, comezou a diluírse cando, xa rematada a carreira universitaria, se adentrou no mundo laboral e comezou a comprobar que só importa o que vende, e, lamentablemente, as inxustizas sociais non interesan aos grandes empresarios, que, ao mesmo tempo, son os causantes da maioría delas.
Decepcionada coa realidade e profundamente abatida ante a imposibilidade de atopar traballo no seu propio país, tomou a decisión de facer as maletas e emprender unha nova aventura noutro lugar. Alí non só recuperou a ilusión perdida, senón que redescubriu por qué no seu día escolleu o camiño dos medios de comunicación. Nese país –chamado Inglaterra-, comezou a ver interesantes documentais e reportaxes nas canles de televisión (tanto públicas como privadas), a ler pezas de investigación de gran calado e a ser testemuña de debates en profundidade sobre cuestións de actualidade. Decatouse tamén de que os cortes publicitarios durante unha película ou un programa de ficción non superan os cinco minutos, e de que a vida privada das vítimas dun acto violento (agás en tabloides como The Mirror ou The Sun) carece de valor informativo.
Agora, a protagonista deste conto volve a soñar, e faino coa posibilidade de que, algún día, Televisión Española e a Televisión de Galicia serán como a BBC, as canles privadas amosarán un maior respecto polas súas audicencias –que, tras os números, agochan seres humanos de carne e óso-, e a prensa escrita seguirá o modelo marcado por The Times ou The Guardian.
Certo é que, como diría Calderón de la Barca, “la vida es sueño, y los sueños, sueños son”, pero a min, nembargantes, gústame máis a máxima do escritor e guionista Albert Espinosa: “cree en tus sueños, y ellos se crearán”.
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- Unha cidade que nunca deixa de sorprender.
- O mercado das telecomunicacións en Inglaterra.
- Irene somos todos.
- Londres: a cidade onde todo o mundo é forasteiro.
- The Christmas’ Spirit.
- Desmiuzando o ‘National Health System’.
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).