Venres. 19.04.2024
El tiempo
19:59
03/04/12

Pila en columna de Volta

Pila en columna de Volta

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Pila en columna de Volta

  • Inventor: Alessandro Volta (1745 - 1827)
  • Fabricante: G. Fontaine (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Electroloxía.

Descrición e funcionamento

Dase o nome xenérico de pilas aos xeradores de electricidade que transforman a enerxía desenvolvida nas reaccións químicas. A pila de Volta disposta en columna foi o primeiro aparello deste xénero, inventado no 1800.
Componse dunha serie de discos de cobre e cinc, alternos, separados cada par por un pano mollado en auga acidulada, e apilados horizontalmente uns sobre outros. Os discos sostéñense por tres columnas aillantes de vidro encastradas nunha base circular de madeira, e cunha pequena tapa, tamén de madeira, na parte superior. Esta “pila de discos” empeza e remata con discos de diferente tipo.
Conectando cun arame os discos situados nos extremos lógrase que circule un fluxo eléctrico.

O inventor

Alessandro Volta naceu no ano 1745 en Como (Italia). Interesouse e investigou un dos fenómenos máis famosos da súa época: a electricidade. Aos 18 anos realizaba experimentos eléctricos e mantiña correspondencia con investigadores europeos no campo da electricidade.

En 1774 foi elixido profesor de física da Escola Superior de Como, e no ano seguinte inventou o electróforo, un aparello que producía cargas eléctricas. Este invento provocou que a súa fama se extendese moi rápidamente e que, en 1779 se lle asignara a cátedra de física experimental na Universidade de Pavia, a cal ocupou durante 25 anos, e onde proseguiu cos seus traballos e investigacións sobre a electricidade.

Volta ideou outros aparellos como o electroscopio condensador ou o eudiómetro, pero, sen dúbida, o traballo que más fama lle deu foi a invención da pila no 1800. Volta inventou unha serie de aparatos capaces de producir fluxo eléctrico. Para elo empregou recipientes cunha solución salina conectados a través de arcos metálicos. Conectando varios destes recipientes conseguiu a primeira batería eléctrica da historia. Para reducir complicacións debido á necesidade de utilizar solucións, axiña empezou a usar pequenos discos redondos de cobre e cinc e outros de pano ou cartón empapados en auga acidulada, de xeito que os unía formando unha serie (cobre, pano, cinc, cobre, pano, cinc, etc), todos eles apilados, formando unha columna. Cando unía os extremos da pila mediante un fío conductor, ao pecharse o circuito, obtíñase unha corrente eléctrica.

A pila de Volta despertou un gran entusiasmo entre os científicos da súa época, servindo de base para os traballos químicos de Davy e para o estudo dos fenómenos electromagnéticos que fixo Faraday.

Polo seu traballo, Napoleón nomeouno conde e senador do reino de Lombardía, ademáis de recibir a medalla de ouro ao mérito científico pola Academia das Ciencias do Instituto de Francia.

Os seus últimos anos de vida pasounos na súa facenda de Camnago, preto de Como, onde faleceu en 1827.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios