Luns. 18.11.2019
El tiempo
08:59
22/06/12

Sete centímetros

Esta semana non foi boa. Varias novas me situaron diante do futuro máis incerto na Costa da Morte e creo necesario facer un balanzo delas.

Na nosa bisbarra un delincuente (presunto) é quen de recibir máis apoio que un evento cultural con dúas décadas de historia. Nin o cambio de goberno vai facer posible que o principal certame do noroeste de Galicia e un dos máis importantes do teatro galego (logo do de Ribadavia, evidentemente) continúa despois da sua edición deste ano. Afogados pola crúa realidade os organizadores da Mostra de Teatro botan o peche. Normal.

Nun lugar onde unha orquestra cun cache inflado, moi lonxano a autántica calidade do conxunto e das pezas que interpreta é mellor valorada e máis requerida que algún dos actores e actrices de maior peso e traxectoria da escea galega e ata nacional é normal que un evento coma este esmoreza e ata desapareza. Algo moi malo lle sucede a nosa sociedade. Esta total desidia e desapego por algo que era noso, de todos, amosa ben as claras cara onde imos. Cara a nada moral e cultural máis absoluta.

Como imos valorar a educación pública coma necesaria cando a cultura nos parece directamente prescindible? E non falo de cultura para elites, non, falo da comedia e o drama puros, sen artificio e o alcance de todalas idades. Pero que digo, estamos en Cee, non?. Sabemos do que falamos.

A segunda das novas e tanto máis grave porque me sitúa diante de algo ó que dediquei moitas horas, días, e esforzos en varias etapas da miña vida. Neste caso serei menos claro porque os intereses comerciais me impiden falar con franqueza pero só quero dicir que cando alguén ten algo, un proxecto, una empresa que funciona e a desmantela con total coñecemento das consecuencias que conleva, iso non hai modo de ocúltalo. Nin no contexto da crise nin fóra del. Cando alguén ten una empresa que dá cartos non despide ás pezas claves da empresa e descapitaliza os seus contidos. Menos aínda hoxe en día, menos “coa que esta caendo”.

A única razón para algo así é darlle nula importancia ó valor intrínseco dese proxecto ou empresa. Porque dende a Coruña as cousas sempre se viron moi diferentes que dende Fisterra. E porque por desgracia, ningún dos que nos goberna sabe nin de lonxe o que singifica vivir aquí, lonxe das facilidades e comodidades da urbe.

Temos o que merecemos. Habituados a recibir dende todolos lados non somos quen xa de distinguir quen nos achega a súa man para axudarnos e quen o fai para zoscarnos detrás da orella. Así que, por definición, mordemos en tódalas mans.

A escasas horas do rescate definitivo, nas últimas semanas rematei por comprender que, en realidade, a felicidade está só a sete centímetros. A felicidade cabe, de feito, en sete centímetros.

O resto… importa máis ben pouco.

(Dedicado/a a os valentes que, na actual situación, consideran necesario apostar forte polo futuro. Xa sexa neno ou nena.)

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

comentarios