Venres. 26.04.2024
El tiempo
09:46
14/10/11

Talibanismo

Pensaba neste espazo como un máis e, mira ti por onde, vai ser o último. As cousas que realmente valen a pena teñen un principio e teñen un fin e a miña participación publicamente expresada no devir diario da Costa da Morte tamén. Basta. É suficiente.

As razóns non as quero explicar pero supoño que a todo lle chega o seu día e, para que enganarnos, nunca fun prato de gusto para ninguén. Os últimos meses deste ano dramático non axudaron, a vista do escaso impacto que determinados comportamentos tiveron nas habitualmente monolíticas posicións dos “siareiros” dos principais partidos políticos, ou dos palmeros de determinado presunto delincuente. Pero este é o mundo no que vivimos, sen máis. O reino dos talibáns, vistan do que vistan.

Seguro que gusta, cando se é do PP, que se fale mal do BNG pero nada de nada que che recorden que es o residuo último dun réxime fascista. E seguro que cando se é do BNG encanta ver como caen paus na dereita, pero non gusta que che digan que se auspiciou unha “milonga” que rematou deixando a Galicia sen ferramentas financeiras de seu. Palmeros e siareiros, iso gusta nos partidos, no BNG por suposto, no PP, faltaría máis, e que ninguén esqueza o PSOE porque funciona de igual xeito. Bueno pois eu non penso así.

Eu prefiro as persoas, collidas de xeito individual, fóra da masa, do grupo ou do partido. E seguirei preferindo as persoas por moito que algún, a quen debo caer moi mal pero que prefire mandar “recadiños” na vez de chamarme por teléfono ou saudarme pola rúa e pedirme aclaracións sobre a miña opinión (nesta lista hai moitos), lle desguste que non me apeteza estar en bando ningún desta lea estúpida que nos leva sen remedio cara o desastre absoluto. Sinto meus, eu son así. É imposible gustarlle a todo o mundo.

Neste tempo de cinismo e mesquindade penso que xente coma min non ten lugar. Os empeñados, os apaixoados, os decididos, os que non acreditamos na mediocridade como mal menor en política, nós, os que preferimos pensar por nós mesmos a que nos “pensen” non estamos de moda. E, no mundo do internet, da televisión como educador dos fillos, na do “Gran Hermano” como principal curriculum é imposible que alguén coma min ou que pense e actúe como o fago eu sexa xerador de opinión, ou poida simplemente expresarse en liberdade sen ver comprometida a súa vida persoal. Así de simple.

Quero agradecer especialmente aos meus editores a enorme paciencia e absoluta capacidad para entender a liberdade de expresión coma un medio para alcanzar a independencia, a pesares de ter tocado aquí temas cos que, nalgunhas ocasions, eles mesmos non estaban especialmente de acordo (Grazas Ubi, eres un crak)

Chegou o momento da despedida. Ogallá que estes case catro anos de pura e descarnada análise do real, do efémero, do día a día da comarca máis esquecida de Galicia serviran para algo máis que o distraemento do seu autor. Ogallá que fixeran pensar a alguén, que fixeran preguntar, que fixeran cuestionar a realidade que determinados poderes pretende facer pasar por boa. Ogallá.

Non estou en disposición, nunca o estiven, de soportar a carga persoal que significa para alguén coma min o escrutinio público de cada opinión libremente expresada aquí. Consecuencias supoño deste tempo hipócrita de pseudo-democracia. Eston canso e non vexo a razón para seguir loitando cando ata os máis dispostos á loita renegan do que son en defensa do partido.Toca calar a espera de momentos de menor pobreza ideoloxica e maior espírito democrático.

Moita sorte a todos, bo día, boa tarde, boa noite. Adeus.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Verdades anteriores

Comentarios