Tesouros da Fundación: Gramófono
09:27 23/07/11
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
O gramófono, ideado por Berliner no 1887, é unha modificación do fonógrafo, tendo a vantaxe sobre éste de dar sons máis intensos. Os sons que se gravan sobre un disco, na que a curva sonora ten forma de espiral, reprodúcense industrialmente e posibilitan o volver a escoitar os sons gravados orixinalmente.
O gramófono comezou a usarse para recoller a voz dos grandes cantantes e intérpretes da época. Os discos estaban feitos de baquelita e rompían con facilidade. A pesares de tales limitacións, o gramófono acadou unha gran popularidade nos EEUU e en Europa, sobre todo grazas á fabricación dunha amplia colección de pezas musicais rexistradas por compañías de grabación americanas e europeas.
O inmenso éxito do gramófono desembocou na esixencia dun mellor son. Hacia 1920, o anticuado inxenio mecánico comezou a substituírse pola grabación e reproducción eléctrica, na que as vibracións da agulla amplificábanse mediante elementos electromagnéticos no lugar da bocina.
O inventor
Emile Berliner naceu en Alemaña, pero aos 19 anos emigrou a EEUU.
É o creador dos prototipos do micrófono e do transformador, os dous mecanismos básicos para a comunicación electrónica. Nesa época, o micrófono tiña o problema da perda de forza da corrente eléctrica na distancia, e Berliner logrou solucionar este problema engadíndolle unha bobina de inducción ó transmisor con corrente continua.
No 1878 a empresa Bell Telephone comproulle a Berliner os seus inventos por 50.000 dólares, ademáis de contratalo para traballar con eles. Estes dous inventos foron aplicados á transmisión eléctrica do son, feito que convertiu o teléfono de Reis e o de Meucci en meras curiosidades científicas, ó tempo que lle deu o impulso definitivo ó aparello ideado por Bell.
En 1881 voltou a Alemania e, xunto a un irmán, fundou a Telephon-Fabrik Berliner, con sucursais en Viena, Berlín, Budapest, Londres e París.
No ano 1887 patentou en EEUU e Alemania o seu gran invento: o gramófono. Un ano máis tarde, o Instituto Franklin de Filadelfia otorgoulle a Medalla de Scott pola súa contribución ó desenvolvemento da acústica e a reproducción do son.
Ademáis dos seus experimentos no campo do son, Berliner tamén traballou noutros ámbitos como o da aeronáutica. Así, foi o primeiro en empregar un motor lixeiro de combustión interna que, posteriormente, utilizouse nos aeroplanos. Baixo a súa supervisión, o seu fillo, Henry Berliner, deseñou un helicóptero que voou con éxito no ano 1919. A pesar deste repentino interés pola aeronáutica, voltou ós problema da reproducción do son, e en 1925 creou unhas baldosas acústicas para o seu uso en auditorios e salas de concertos.
Gramófono

- Tesouros da Fundación – Gramófono
- Inventor: Emile Berliner (1851 – 1929).
- Fabricante: Gramophone & Typewriter LTD.
- Distribuidor en España: A. Ureña (Madrid)
- Cronoloxía: 1903 - 1904.
- Clasificación: Obxectos educativos /Instrumentos científicos / Sección: Acústica.



- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).