luns. 02.06.2025
El tiempo
19:29
29/09/10

Touros

Marcha un de vacacións uns días e se arma o tinglao. Agora resulta que o Estado Español anda convulsionado porque os deixan sen touros… en Cataluña. Os argumentos taurinos que levo escoitado, sinceiramente, non fan que varíe nen un ápice a miña posición contraria a unha tradición totalmente residual no noso país e que a día de hoxe sobrevive na meirande parte do estado grazas a xugosas subvencións de destino máis ca discutible. Din os taurinos que aquel que non comulgue co espectáculo, que non o vexa. Coma se evitar a visión dun evento tan lamentable, impedise que a realidade do maltrato animal non existise. Argumento resumido do xeito: ti mira pra outro lado. Se che molesta que mallen na xente, cando o vexas, cambia de beirarúa… en fin. Convidan os taurinos a que protestemos contra calquera tipo de execución animal pra consumo humano. A día de hoxe descoñezo se no matadoiro de Vilaseco a xente paga entrada pra ver como matan aos tenreiros ou se pra darlle matarile ao cucho, o matarife vaille clavando pouco a pouco diversos utensilios… Si sei como é o sabor dun porco ou un tenreiro porque iso o atopo en calquera lugar, pero o da carne de touro é outro cantar. Polo tanto nin vale xustificar as corridas de touros con fins alimentarios, nin asemellar a actividade do sacrcio dun e doutro xeito, nin por suposto, falar da escuro industria que a día de hoxe envolve ao mundo do touro, extremo este que daría para unha extensa investigación xornalística. Algo que non consiguen aclarar os taurinos é. porqué se debería facer unha excepción coas corridas e sen embargo non con cans, galos… ou con botar a cabra dende o alto do campanario, Amparados na historia da tradición, algunha pelexa de certos animais ou sanguentos costumes, levan tamén moitos anos arraigados en certas zonas de España. Por suposto, o rollo ese de que é un espectáculo privado e con acceso só pra adultos tampouco me vale. Seica agora resulta que se a actividade é privada, pódese facer a vista gorda ante calquer tropelía. Actividade privada pagada cos cartos de todos, por certo. A ver se entenden, que no mundo actual, non se debe maltratar animais, nin na praza pública nin nese lugar privado chamado xardín da casa. E por suposto, as palabras “democracia” e “identitario”, tamén me fan moita graza. Porque xa hai quen di que a prohibición é un atentado á democracia. Resulta que hai un señorres que son parlamentarios en distintas instancias e cos seus votos deciden o que se fai e o que non, pero para algúns a vara de medir varía. Se os votos tumban un Estatut, a democracia é así e hai que asumilo. Se as matemáticas fan valer valores coma o respeto aos animais, é un ataque á democracia… o chicle estira e encolle a gusto do intérprete. “Quen son eles pra dicir que non pode haber corridas???”. Pois os mesmos que permiten ou non todo o demáis. Lémbrame ao infausto presidente de “a ver porque me tienen que decir cuantos vinos puedo tomar, a ver porque me tienen que decir a que velocidad circular…”. Hoxe un perigoso nacionalista aseguraba no xornal El Pais, que quizáis no medio deste embrollo, a xente debería facer un esforzo por tentar comprender porque se fixo isto en Cataluña e porque entenden as cousas doutro xeito, todo iso en col d botar improperios pola boca que alimenten as arelas independentista. O que dixo isto é un tal Pedro Solbes.
  • Fran Hermida ( franhermida@quepasanacosta.galEste enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).

Entrevista con Fran Hermida

Máis información

Outros artigos Sen xeito

Comentarios