Xoves. 18.04.2024
El tiempo
David Lourido
20:15
05/11/12

Pepe do Fieiro: “Dicían os nosos vellos…”

Pepe do Fieiro: “Dicían os nosos vellos…”
Pepe do Fieiro diante do seu Monte Pindo-Foto- David Lourido

Non é doado contemplar o Monte Pindo e o seu entorno e poder ver máis alá do puramente paisaxístico. Pero tan recomendable como gozar da vista ou xogar a marcar no mapa a media Galicia visible dende o punto máis alto, é achegarse ás historias e ás lendas agochadas detrás de cada pedra do Olimpo Celta.

El non o sabe pero foi Otero Pedrayo quen lle deu este segundo nome moito máis apropiado para unha terra máxica creadora de historias máis ou menos reais. Do que podemos ver, tocar, percorrer, fotografiar…, e do outro, do que se transmite de pais a fillos con novos matices cada xeración que pasa, de todo sabe, e non pouco, Pepe do Fieiro.

Acudimos á súa casa no Ézaro nun día de choiva e acompañados de Ovidio Castro e Mario Rodríguez, veciños, grandes coñecedores da zona e a proba das nosas boas intencións. Pero pouco importaba que é Que pasa na Costa, Internet ou as redes sociais. Concienciado iso si de vivirmos unha época na que todo se comparte, invitounos a coñecer canto quixemos saber e tivemos tempo a preguntar sobre o Monte Pindo ou sobre el mesmo.

Unha hora e media de conversa e unhas cantas liñas despois o obxectivo é despertar interés, conseguir entre todos que o que Pepe do Fieiro conta, viva en forma de entrevista, libro, relato ou historia. Non llo contedes a ninguén pero no Ézaro e na casa de Pepe do Fieiro a cultura segue sendo gratuíta; chegamos sen nada e volvemos cargados de información saudable, como a fermosa lenda dos Encantos na fonte das Chozas. A proba, a continuación.

Pepe do Fieiro na sua casa do Ezaro por David Lourido
  • QPC: Leva toda a vida subindo e baixando o Monte Pindo, gustaríalle velo convertido en parque natural? Por que?

E porque non… Así podería conservarse máis limpo. Estase enchendo de leña e xa case non hai por onde andar. Antes íase arriba á Moa por calquera parte, ou a Peñafiel ou a onde quixeras. Agora tes que ir polo Pindo ou polo Fieiro que non hai outro camiño por onde ir.

Dende o puente ata a Portela Ventosa abrimos outro camiño eu un rapaz do Pindo con algunha axudiña que tivemos. Pero se a xente non circula… Antes había animais que pastaban e limpaban o monte. Había cabras, ovellas, vacas, eguas… Agora non hai nada. Se fose parque natural podería conservarse limpo…


 
  • QPC: Como ve o traballo da Asociación Monte Pindo Parque Natural?

Non me comprometín a nada coa asociación. Cando queren ir e me piden que os acompañe vou, pero nada máis.

Que a xente esté en contra… Non vexo por que. De aí non sacamos nada. Sendo parque natural habería camiños limpos... Eu non vexo inconveniente ningún.

 
 
  • QPC: Que lle teño que dicir a quen non o coñece para que se achegue ata aquí…

Subir á Moa nun día claro… Vese todo. Dicían os nosos vellos que se vía a roupa branca en Santiago. Eu sempre dixen que iso non podía ser pero agora xa non digo o mesmo. Porque eu miraba na dirección equivocada. Hai dous anos fun de noite, no día no que se queima a fachada da Catedral e víase perfectamente. Eu miraba máis cara o norte.

  As mans de Pepe do Fieiro parecen as montañas do Monte Pindo-Foto- David Lourido
  • QPC: Se falamos de historia, quen estivo no Pindo nos últimos séculos?

Os vellos dicían que aí viviran “os moros”. Pero, de onde eran? Parece ser que lle chamaban así a todo aquel que fora forasteiro… (risas). O que podemos ver son as pegadas que deixaron. No Pedrullo houbo un edificio grande e a Moa, os Campos da Moa, estaban rodeados por unha muralla. É normal ir alí, pasar por enriba dela e non vela.

Sabemos que os expulsaron no século XV por orde dos Reis Católicos por non querer convertirse ao catolicismo. Botáronos sen deixar que levaran nada do que tiñan. Suponse que algo terían e que o deixaron escondido por se volvían algún día. A xente desfixo durante anos pero nunca se atopou nada.

No ano 1950 apareceu unha xerra de barro debaixo dunha pedra. Mi padre andaba co gando e reparou nunhas pedras que baixaran doutra que estaba en frente. Foi máis arriba, meteuse debaixo dunha pedra e atopou outras máis pequenas moi colocadiñas. Foi sacando esas pedriñas e veu a xerra. Colleuna, tirou, pero co tempo que levaba alí soldárase ás pedras que tiña enriba e debaixo e ao tirar, rompeuna. Colleu os anacos e levouna para a casa.

30 anos despois conoceu a un catedrático da Universidade de Santiago, Fernando Alonso Romero, ensinoulla e el levou analizar algúns dos trozos. Cando volveu dixo que moita importancia non tiña, pero que podía levarse a un museo e entregouna no Museo do Padre Sarmiento en Santiago. Os análisis dicían que databa do século XV e que fora cocida ao sol.

 
 
  • QPC: Este é un lugar cargado de historia e de lendas. Se tivese que contarnos unha…

Non hai nada… O que lle oíamos contar á miña abuela… Dicían os nosos vellos que cando unha persoa enfermaba e xa o médico dixera que non había nada que facer, levábana aos Campos da Moa, tendíana no campo, marcaban a silueta, levantaban ese terrón e poñíano a secar nas laxas que hai alí. Parece ser o terrón ía secando e os enfermos recuperaban a saúde pouco a pouco.

Ademáis, no río Xallas, enriba da cascada, únense o propio Xallas e un afluente, o rego de Sencha Ferro. Onde se unen, un pouquiño máis abaixo, hai un pozo bastante fondo que está baixo do que lle chamamos “a laxe do río grande”. Unha vella que eu coñecín do Fieiro dicía que alí había tres lápidas; unha chea de veleno, outra de incienso e outra de ouro. Se se abría a de ouro supuña riqueza para quen a abrira, se era a de incienso pois tamén, tiña o seu valor, pero se era a de veleno non quedaría ninguén con vida en sete leguas á redonda.

Eu tiven a sorte de ver o río máis seco do que o puido ver a muller, cando o embalsaron. Pero fun explorar e eu non vin lápida ningunha. Houbo quen me dixo que tiñan que estar máis arriba e que o escombro, de cando embalsaron o río, puido tapalas… 


 
  • QPC: Querendo saber máis cousas do Pindo todos os camiños levaban a Pepe do Fieiro. Como era a súa vida?

A nosa era vida de labregos. Viviamos do que daban o campo e dos animais. Dende os 7 anos andaba coas cabras no monte. O Ayuntamiento de Mazaricos cobrábanos por cada cabra un real, 25 céntimos de peseta. E pastaban no monte de Carnota… Pero cobraban e non cobraban…, porque ti tiñas 200 cabezas e declarabas 50.

Un veciño do Fieiro foi denunciar o ayuntamiento levando unha lista co número de cabras de ovellas que tiña cada veciño. Incluso din que el que apuntou máis das que tiña. Pero o secretario a quen lle entregou a lista tirouna á basura. Volveu do ayuntamiento enfadado e foi el mesmo quen se descubriu contando o que lle ocorrera.

Máis adiante, no 50, 51… Carnota entregoulle o monte á Forestal. A Forestal repoblou e houbo que retirar todos os animais. Anos despois volveron as vacas e as eguas pero non as cabras nin as ovellas.


  • QPC: … e a que se adicou?

Despois diso marchei para Inglaterra. Marchei coa miña muller, ela cun contrato de cociñeira e eu de axudante. Tuvemos que deixar aquí á nosa filla que entón tiña 9 meses porque non ter fillos era unha das condicións para conseguir o contrato. Estuvemos nun hostel onde durmían e se daba de comer a unhas 50 persoas. Aos 5 anos puidemos ir buscar a filla e cambiar de traballo. A miña muller traballaba nun hospital e eu noutro pola noite e dando clase polo día. Eu son mestre, aquí estudiei magisterio pero puxérase a cousa difícil e marcheime para alá…

 
 
  • QPC: Hai pouco falabamos con María A Cubela da historia da súa familia e do seu pai, dos agochados no Monte Pindo durante a Guerra Civil… Como se viviu naquel tempo?

Eu era moi rapaz pero acórdome algo porque na familia había xente escondida no Monte, un tío meu. Levabámoslle comida ao monte, ás veces viña comer á casa… 

A Garda Civil chamaba aos familiares dos agochados no Pedregal… para que os descubriran e foran para a guerra. Meu tío e outros, cando estalou a guerra, xa fixeran o servizo militar. Foron os primeiros aos que chamaron e preferiron fuxir ao monte. Pero meu tío enterouse de que pegaban aos familiares para saber onde estaban e dixo que non quería que por culpa súa pegasen a ninguén. Marcharon para a zona da Devesa do Anllares e alí colléronos.

Eu era un rapaz pequeno. Un día estaba con outra nena, Elena, achegóusenos un soldado, deunos caramelos e díxolle a ela: “cogieron a tu padre hijita, cogieron a tu padre”. Eu marchei á casa e díxenllo á miña abuela.

Leváronnos a Zaragoza ata o final da guerra.


Novas relacionadas

Máis entrevistas en As Bondades da Fala

Fonte

Comentarios