Endogamia sociocultural
Coa vitoria de Trump nas eleccións dos E.E.U.U. e a súa relación con Elon Musk, prodúcese en Twitter un fenómeno: Moitos medios que se din de esquerdas deciden deixar esta rede social e atrás deles moita xente simpatizante que tamén se di de esquerdas.
Comezo a pensar en se non son conscientes de que as nosas ideoloxías ou ideais son tal, precisamente, porque existen outras diferentes e que a evolución destas, para ben ou para mal, depende de confrontalas con esoutras.
Fálase da “cultura da cancelación” e é este un exemplo ben interesante. Pero, acaso na cancelación doutras persoas non entra a propia cancelación? Se te retiras de calquera escenario por non oír, ver ou ler ideas que non concordan coas túas, non estás autocancelándote ti nese espazo? Tal como as túas ideas só cobran sentido e valor ao enfrontalas coas doutras persoas, a túa existencia ideolóxica só se dá se convive coas outras.
Levo un tempo usando o termo “endogamia sociocultural”. Da endogamia cultural tense falado bastante, sobre o fenómeno endogámico universitario e artístico, pero non deixo de ver que máis aló do cultural e artístico estes “guetos intelectuais” chegaron a toda a sociedade en todos os seus ámbitos; non ler medios que non concorden cos teus ideais, nin libros, nin escoitar programas feitos desde outras perspectivas. Non participar de nada sen antes revisar absolutamente todo ata saber que será un ambiente que consideres cento por cento de acordo coas túas ideas, e tamén excluir dos teus eventos e espazos a calquera que pense diferente.
Neste punto, tanto a creación coma calquera espazo cultural ou de información pasa a ser un lugar endogámico para o autoconsumo de ideas entre quen xa pensa igual. Vexo a veces actos onde se di “debatemos sobre"… miro as ponencias e son de persoas posicionadas en ideas idénticas. Pregúntome eu: Onde está o debate? Por que non se lle chama só xuntanza?
Supoño que chamarlle só xuntanza daría en parecer un evento sen relevancia, de amigos, case familiar, sen fondo político, de loita ou de compromiso social de algún tipo, acaso é posible que o sexa. Os egos e a necesidade de crear xerarquías, unhas persoas serán ponentes porque se entende que están nun chanzo superior e saben máis, as outras na busca da pertenza escoitan, aceptan e así sinten que fan parte de algo máis grande e que é importante.
Mais esa importancia e esa grandeza non sabemos cal é se non a estamos medindo co resto e esa pertenza queda excluída dunha pertenza máis importante que é a pertenza a unha sociedade de pensamentos variados.
É posible que a capacidade de argumentar estea perdida cando xa nunca é necesaria por elexirmos ambientes nos que sabemos que se nos dirá que “si a todo”.
Fálase de “espazos seguros” referíndose xusto a aqueles onde temos asegurado que non haberá persoas de pensamentos opostos nin diferentes aos nosos, sexan estas persoas violentas ou non porque a seguridade xa é tamén un concepto psicolóxico, que non se perturbe ese confort mental do non pensar, e é que a simple discordancia se percibe a miúdo coma agresión. Pero eu pregúntome como de segura se pode estar sen información doutros puntos de vistas, doutros movementos e sen pasar as nosas propias ideas polas cribas onde se mesturan con outras e unhas pasan, outras non e moitas quedarán para a nova semente dos futuros idearios.
A endogamia socio cultural é ese fenómeno da sociedade inmadura incapaz de afrontar un pouco de incomodidade, a incomodidade do autocuestionamento, da autocrítica e da mudanza propia. A sociedade individualista onde cada quen mira cara a si con pouca ou ninguna capacidade de ver a sociedade no seu conxunto, persoas sen sentimento de comunidade que prefiren o acubillo do seu gueto onde ninguén lles leva a contraria pero onde, seguramente, tampouco ninguén as acompañará no avance en sociedade.
Cancelación e autocancelación é todo un. Pódense facer moitas interpretacións deste abandono masivo dunha rede social que conteñan ideas políticas pero igual o interesante é facer unha revisión máis humanista, a de revisarnos nós mesmas sobre por que decidimos certas cousas e canta liberdade hai nesas decisión, de se realmente buscamos algún efecto transformador ou máis ben buscamos que para cada unha quede todo como está por non poñernos de cara a unha realidade global que nos obriga a todas a facer cesións e aceptar outras ideas para unha sociedade mellor porque perfecta non pode ser.