Sobre a felicidade
Retomei nestes días a lectura dun dos meus autores favoritos, Erich Fromm, cun ensaio que non coñecía, “La patología de la normalidad”.
Pouco avancei na lectura para chegar a ese punto no que preciso parar e pensar.
O ensaio é de principios dos anos 50 e Fromm fai un repaso sobre a saúde mental. Pregúntome canto de novidoso é este visibilizar a saúde mental que agora se fala, cando atopo en Fromm exactamente a preocupación actual e creo que a maioría de párrafos encaixan perfectamente na vida de hoxe en día.
Teño falado amplamente cun moi bo amigo meu sobre felicidade, alegría, pracer, dor, sufrimento, tristeza, e matizado moito a diferenza entre todos eses conceptos, novamente penso sobre iso.
Sempre digo eu que a felicidade non está libre de dor. A alegría e o pracer non son felicidade, fan parte dunha vida feliz pero se non hai tristeza, dor e malestar, non hai tal felicidade.
Penso agora ademais en como unha vida intensa, vivida realmente, non pode estar exenta de emocións negativas, tan intensas coma as positivas e propias desa intensa vida á que deberíamos aspirar.
Penso en como a diversión e o pracer son venerados, perseguidos e tidos en conta coma o que representa a felicidade, e como a tristeza e a dor son indesexables e se nos convida a fuxir deles.
Eu sempre o digo así: A dor está de par da felicidade, se apartas dunha apartas inevitablemente da outra. Gústame como Fromm describe a sociedade actual (actual dos anos 50) coma unha sociedade menos intensa precisamente por esas ideas de evitar as emocións e sentimentos que se entenden negativos.
Pregúntome por que se alguén hai xa tantos anos podía ver iso, non demos virado a sociedade a unha máis humana que acepta a vida talmente é. A resposta a isto atópoa, coma sempre, no capitalismo atroz no que nos foron metendo, ou no que nós mesmas nos fomos metendo facendo dos mandados sociais case unha relixión, a relixión da productividade e o consumo.
O capitalismo fixo de nós persoas que se autoescravizan en traballos remunerados, ser productivas danos un valor na sociedade e consumir é o premio a ese esforzo. As persoas parecen atopar o sentido da vida en producir e consumir, ese sentido que daban as relixións, por iso lle chamo “a relixión da productividade”.
O propio acto de consumir dá valor, aqueles obxectos que mercamos e o consumo de ocio, é iso que nos fai visibles, e conectando coa alegría e o pracer que se persiguen coma se estes fosen a felicidade, consúmese a intensidade, podemos ver anuncios que levan a palabra aventura incluída. Previo pago, podemos acceder a unha experiencia de aventura intensa que nos dará pracer e será divertida, sentiremos a alegría coma un sucedáneo de vida auténtica para logo volver ás nosas vidas de producir onde o traballo remunerado nos define, marca o camiño e a productividade que del sae é “o pan noso de cada día” que nos guía cara a seguinte aventura que consumir, porque as experiencias xa non se viven, consúmense.