Tempo de advento
Mes de Nadal, era así que lle chamaban antes a Decembro, mais o Nadal xa non é un mes nin unha celebración moi concreta. É neste tempo que comezamos a escoitar xente dicir cousas do tipo “oxalá durmir e que xa fose 7 de xaneiro”.
Comeza o mes co Tempo de Advento, este estaba relacionado co cristianismo, era un tempo de preparación para a chegada de Deus, tempo de recollemento, de espera, de xaxún. Agora que a maioría da xente se apartou da relixión, o capitalismo non perdeu a oportunidade de facer dese tempo un negocio máis.
O Tempo de Advento non se separou do relixioso transformando a espiritualidade que levaba implícita noutro tipo de espiritualidade significativa. Con todo, hai unha tendencia a novas espiritualidades e isto deixa claro a necesidade das persoas de confiar en algo. Nin se perdeu ese tempo nin se conservou a súa esencia, se non que pasou a ser un tempo totalmente alonxado do que era e moi bo reflexo do funcionamento social.
Gustaríame que o Tempo de Advento conservase ese significado instrospectivo para provocar en nós a ilusión, non sei se do Nadal, pero si a ilusión da renovación, do peche do ano vello e o arranque do novo. Sobretodo, que nos fixese apreciar o tempo en si e o seu valor, que, como dicía José Luis Sampedro: “O tempo non é ouro, o ouro non vale nada. O tempo é vida”. E o Tempo de Advento debía ser o tempo de mirar esa vida e vivila de vagar a lo menos nestas datas, debía ser, por exemplo, un tempo para ilusionarse. Pero como poderíamos ilusionarnos co Nadal se en agosto temos todos os anuncios de como será a iluminación de Vigo, nos últimos magostos xa temos as luces acendidas e hai case dous meses que comemos turrón porque o temos nos supermercados desde outubro? O Nadal chega antes ca o mes de Nadal, sen darnos tempo a ter gana del, sen permitirnos esa espera que provocaría a ilusión polo que está por vir. O Advento é un tempo comercial, un almanaque ao que consumirlle os días en forma de chocolates, bonecos, perfumes ou xornadas de compras, acaso sexa un tempo que reflexa os modos de vida actuais, onde consumimos os días no sitio de vivilos.
Hai uns anos contoume unha amiga que no ano no que faleceu súa nai, chegando o Nadal, os ánimos na casa non eran moi bos e ela decidiu organizar unha cea especial para as tres persoas que quedaban, poñer unha mesa bonita e compartila celebrando que os que quedaban estaban ben, que remataban o ano xuntos e merecían celebrar esa data. Inspiroume moito o seu relato porque, no sinxelo que hai nel, describe algo que é moi necesario, desfrutar do que temos e deixar de mirar o que nos falta, celebrar a vida, a familia, as amizades, celebrar a propia existencia non por un manual, non mirando fóra nin seguindo unhas instruccións que o sistema marcou, se non facelo mirando en nós, co que somos e co que temos.
Aínda lonxe da relixión, este tempo debía ser un tempo de esperanza, e a esperanza está moi relacionada coa fe, no que sexa, pode que coa fe en nós mesmas ou no propio tempo, que é vida.
Gústame usar este tempo para reflexionar, unha época do ano que me pón uns lentes de aumento que me permiten ver mellor como neste mundo as vidas se converteron nunha carreira da que eu o máis do tempo non quero participar.
Gústame usar o Tempo de Advento para frenar e conectar co que realmente importa, é así que eu volvín desfrutar do Nadal porque todo evento é mellor se vén precedido dun tempo de espera e preparación que permita ilusionarse.
Foi no Advento do ano pasado que escribín isto:
“Andei tanto e estaba tan cansa que sentei no valo a medio camiño. Observei como pasaban por aquel carreiro moitas persoas, apuraban e parecían non estar cansas coma min, nin reparaban en que eu estaba alí.
Ao tempo decidín preguntar a unha desas persoas:
- - -
- A onde é que ides por aí? Por que a xente pasa tan á présa por este carreiro?
- Imos rápido para atopar pronto o final, é alí que está a felicidade. E ti, por que non bules, que fas aí sentada?
- Eu tamén estaba andando o camiño pero cansei, sentei e agora son feliz aquí.
Sentemos a esperar o Nadal para que el nos atope a nós con folgos e ilusión.