Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Hector Pose
08:23
19/09/12

Manolo… Manolo Casal

Manolo… Manolo Casal
Luís de Juan, Manolo Casal e Luis Casal coa camiseta do Buño en 1964

Inusual setembro este, non si? Con tanta xente a berrar polas rúas de dor social e de carraxe doméstica. Outra, por contra, semella habitar tranquila a longura dos brancos areais da Costa da Morte. Na tarefa de recopilar, porta por porta, a historia que aquí vos imos amosando a groliños, imos a Fisterra e Louro. En Estorde, onde outro tempo o neno Torres peloteaba antes de facelo endeusado pola fama, ollo para a estrada desde a calma beira oceánica. Vexo como pasan paseniñamente os pelegríns que queren queimar as botas e os últimos folgos a pé do cabo da fin do mundo. Cando, de volta, laño pola metade o Buño oleiro, descubro que o millo alto dunha leira, di adeus cos pichorros novos. E non cae gota de vento. Deteño, estranado, a miña atención no fenómeno e non é a brisa, nen un xabarín fuzando quen azanica o lanzal froito da terra. Non, é Manolo… Manolo Casal!!

Domingo de fútbol televisado e este ex xogador e adestrador, case sempre formando parella co seu irmán Luís, do Buño, Ponteceso, Esteirana, Laxe ou Deportivo Carballo, prefire arar os camiños a pé. Corre, salta, anícase como fixo sempre polos campos da Costa enfundando as vestimentas de tantos clubes. Defensa corpulento, de entrega e xenio, dérame días atrás razón por tanta querenza ao fútbol afeccionado: “Nós, cartos non, pero amigos…!”

Na soleira da súa casa posara despois dunha longa conversa, ollando en fite para a cámara, como acostumaba facerlle aos contrarios no campo. Antes, narrou anécdotas, desenliou fotos e lembranzas que amorea nunha bolsa do Froiz e na memoria: “Vin homes na Liga da Costa que hoxe serían de Primeira División: Modesto do Fisterra, Tito Ordóñez do Buño, Arana do Xallas… moitos”.

Un, que o víu xogar asindo o botiquín da SCD Malpica naquela final do ano 75 presenciada por Amancio no Artón de Esteiro, sinte un aquel de admiración por este solteiro de labia doada e mirar expresivo que segue a exercer de deportista: “Pasa a pelota, fillo de puuuuta!!!” Dicíallo a berros sen se inmutar ao seu irmán Luis, un fino mediocentro. Os Casales, unha saga de afamada sona de Caión a Noia, coma outras tantas que poboaron os terreos de xogo costeiros: os Periscales, os Gundín, os Collazo, os Fraga, os Purita, os Varela Rey…

Quen paríu a tanto talento para o balompé amador merece, nestes breves apuntamentos, pormenorizada atención. Para cando un recoñecemento expreso do rol da muller no fútbol da Costa da Morte? Nai, dona ou noiva do xogador; costureira e lavandeira de balde; directiva e seareira chova ou quente o sol: Lucía de Pinche en Buño, Piluca en Caión e outras tantas que vós podedes engadir sen esforzo. Porque as mulleres desta terra, malia de abanear como o millo a piques de madurar que avisa do adestramento vespertino de Manolo Casal, abanean mais non caen.

Manolo Casal no 2012

Artigos do Mar de Paixón

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios