Domingo. 13.10.2024
El tiempo
Javi Turnes
10:41
01/02/10

Paisaxes incomprensibles pero necesarias

Paisaxes incomprensibles pero necesarias
  • Javier Turnes:

Profesor[?] de Filosofía, Músico[?] Escritor[?] … acaso unha constante deriva a través do ocurrir. Devindo, buscando o feliz fracaso do encontro cunha identidade calsea. Un transitar entre a exterioridade dos acontecementos e a interioridade do destino. Un movemento que parece aludir á conquista heroica da potencia dos afectos e a esa experiencia perdida que escoita a tranquila presencia das cousas. A Costa da Morte é agora o territorio desa exposición ó querer vivir, así como o da búsqueda dunha comunidade que falta.


Hai moitos lugares polos que un pode ser atravesado.

Aparecen ou requírennos como o fai o día nese cando. no que remata, aí onde é verdade: na soedade azul do anoitecer.

Son paisaxes incomprensibles pero necesarias que, a pesar da conciencia, veñen de fóra para adentro. E non sempre son transitables. Mais debemos respirar fondo, erguer a mirada e poñer atención.

Lugares que posúen unha dose de verdade dolorosa e introducen unha intensidade animal no devir. Unha intensidade que esixe salvar un territorio -senón un rincón- onde nin a palabra é benvida.

Apenas visibles, apenas tan só no oco que o silencio permite. E un non sabe se está esperto ou durme. E non existe a maraña dos outros que fala nunha lingua extranxeira.

É entón cando a perplexidade está tan presente que ficamos atónitos ante esa visión, deslumbrados pola súa espesura.

Son as paisaxes incomprensibles pero necesarias. As que non poden non ser se acaso un está vivo.

Entón un sabe que a existencia é irreparable. E todos os nomes que tiñan as cousas perden a nitidez.

Si, a necesidade leva a que o plano da superficie requira de preguntarlle ó plano invisible, a esa arista apenas inventada pola que se posúe a riqueza dun día.

E conquistar o vacío como fan as árbores ou as pedras.

Máis esa paisaxe incomprensible esconde un segredo que reza: has de coñecer o teu desexo. É dicir, non podes esquecer o teu desexo.

Polo tanto:

Es algo atravesado: apenas o resto lamentable no que un se convirte tras deixar atrás ó neno, porque: o neno chega a disfrutar transparentemente da beleza do mundo.

Agora:
ese esforzo estupidamente laborioso, estupidamente ordenado, ese encaramarse no sei ben a que. Unha inercia fría que arrastra consigo, imposibilitándoo, calquer acollimento da vida, dun mesmo.

Buscando un regazo, unha chorá , un lugar infinito e inmenso que nos salve da endiablada relatividade deste mundo.

Abandonar pouco a pouco a enfermidade da conciencia.

Que é o que está ausente? Onde está a evidencia que brila nas pupilas dos vellos?

Porque a felicidade e a amargura sucédense tan rápido no vivir como as visións e a luz nun paseo.

Un paseo por paisaxes incomprensibles… pero necesarias.

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)

Comentarios