Venres. 26.04.2024
El tiempo
Javi Turnes
11:37
05/05/10

Sagrado

O ben e o mal son soamente un

  • Heráclito de Éfeso

O sagrado é aquelo que está vedado ó libre uso dos homes. Sagrado é o que non se pode tocar baixo perigo de morte.

Fronte ó mundo dos obxectos, da acción produtiva e da conciencia conservadora, permanece oculto o íntimo. O íntimo fala dun interior que perturba e se opón ós dictados da conciencia(e da Lei); como algo que crea problemas, que está fóra de control e que pode chegar a impoñerse sobre a conciencia mesma. Deixándonos en perigo.

A toma de conciencia desta realidade dotada do maior valor, e á vez incontrolable e oposta ó coñecemento é o xerme do sagrado.

Di Bataille: “O home ten medo da orde íntima, que non é conciliable coa das cousas. Se non, non habería sacrificio nin habería tampouco humanidade”.

O sagrado é o fío que tece entón a urdimbre do humano. Esta dualidade ou trascendencia dentro de sí é o verdadeiro sentido do humano.

Mais o home non soporta vivir no sagrado. O home non soporta a un outro dentro de si mesmo.

O percibir dentro ó animal, á besta que pon todo en perigo, por parte dos suxeitos conscientes –todos nós, non si?-
entregados á conveniencia e ó futuro: Ó dictado do que convén sexa por razóns materiais, sociais, morais ou relixiosas, sen importar como se represente o ben en cada caso;
vivir na renuncia dominados polo medo…
o percibir dentro ó animal –tamén aquí, en Occidente-
non pode deixar de espertar os sentimentos contrarios de horror e fascinación.
tamén aquí, en Occidente.

Tamén aquí persiste o sagrado. Convén non esquecer.

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)

Comentarios