Domingo. 18.04.2021
El tiempo

As favelas de Río: aprendizaxes nestes tempos de crise e aumento de suicidios

As favelas de Río: aprendizaxes nestes tempos de crise e aumento de suicidios

O pasado Nadal visitei o Río de Janeiro, ‘unha cidade maravillosa’ como adoitan a dicir os cariocas. E como parte da ampla oferta turística desta cidade, está a posibilidade de visitar as súas famosas favelas. Pagas 30 Reais (uns 10 Euros) e montas nun jeep conducido por un residente na favela, acompañado dun guía turístico, quen tamén vive na favela. En concreto, visitamos a Favela da Rocinha, unha das máis extensas e famosas de Río. Precisamente este guía comentoume que non máis dun 10% dos turistas ‘atrévense’ con tan recomendable experiencia. Alá fomos meu pai, meu irmán i eu. Ningunha medida especial de seguridade. Levabamos os nosos mobiles e smartphones e lentes de sol (de marca), xa me entendedes. Por tanto, gustaríame aproveitar esta visita para falarvos de mitos e realidades das favelas.

No apartado de realidades, o primeiro que chama a atención é a espectacular arquitectura. Parece certo que os brasileiros teñen unha habilidade especial coma arquitectos (Oscar Niemeyer, Lucio Costa, etc.). Trátase dunha concentración elevada de casas (de dúas ou tras prantas) construidas sobre os abruptos cerros que conforman o Río, case todas sen licencia de construcción nun auténtico ‘estado separado’. A favela funciona como unha comunidade altamente organizada, fronte ao mito da anarquía, na que podes atopar pola rúa dende mercadillos de comidas como froitas, verduras ou carnes e electrodomésticos a perruquerías ou clínicas odontolóxicas. Tamén chamoume a atención a existencia de campañas de concienciación pública fronte a doenzas como a tuberculose, incluindo cartazas cos síntomas típicos que deben alertar para facer unha consulta cun médico, consulta que se pode realizar na própria favela. A xente compra o que precisa e vende o que produce sendo a moeda de intercambio o próprio real brasileiro. Nembargantes, unha das esencias da favela é o trueque, así como o pago aprazado, pero sen intereses. Unha porcentaxe de todos eses pagos vai ao chamado capo(s), quen vela pola seguridade da favela, é dicir, unha especie de imposto. Non cómpre dicir que a Policía ten a entrada ‘prohibida’.

As casas teñen auga, auga potable, e luz, conseguida a través de complexas redes feitas a man a partir dos alumbrados públicos. As favelas non son en absoluto espazos inhabitables como moita xente do primeiro mundo adoita a pensar. Podo afirmar con conciencia de realidade que teño visitado vivendas en moito peor estado en determinados barrios marxinais do sur de Londres, cun clima moito máis adverso, que as edificacións da favela da Rosinha.

Tamén podes atopar moitos nenos na rúa xogando ao deporte-relixión do Brasil, o fútbol. De feito, algúns futbolistas famosos deron os seus primeiros toques a un balón nas favelas de Río como o mítico Garrincha. E falando de relixión, chama a atención a cantidade de altares e símbolos relixiosos que podes atopar no interior das casas, o que garda relación co ben sabido número de católicos e evanxélicos que hai no Brasil, case o 80% da povoación xeral.

Aínda que últimamente o narcotráfico e as armas nas favelas voltáronse a converter nun tema de relevancia mediática ante a chegada do Campeonato Mundial de fútbol, posiblemente resulten problemas non máis relevantes que noutras zonas máis turísticas do Río como Copacabana. E pola nosa experiencia, non podería afirmar que Río sexa unha cidade insegura, alomenos para o turista. Nembargantes, existen temas moi preocupantes como o presumible baixo nivel xeral de escolarización dos menores e o elevado índice de prostitución das mulleres, incluíndo adolescentes. Quizáis o estado brasileiro estea así a combater a punta do iceberg con redadas policiais contra narcotraficantes e capos, deixando as orixes deses problemas sen tratar, posiblemente debido a oscuros intereses.

E pese ao grado de pobreza da favela, cómpre salientar o elevado nivel de cohesión social destas comunidades, un factor que diminúe significativamente o impacto das carencias económicas no estado de ánimo xeral da xente, que eu mesmo obxectivei. Neste sentido, como médico-psiquiatra de profesión gustaríame recordar que os índices de suicidio nas favelas do Río están entre os máis baixos do mundo (menos de 3 suicidios/100000 habitantes), sendo moi inferiores aos documentados na nosa comunidade (11.97 suicidios/100000 habitantes) e no mundo occidental en xeral. Sen dúbida, un dato contrastado que precisa dunha profunda reflexión por parte de todos, gobernantes e cidadáns, nestes tempos de crise económica que no primeiro mundo, ao contrario que nas favelas de Río e nos países do terceiro mundo, xenera unha menor cohesión social e un aumento dos suicidios, en liña coas teorías de Durkheim quen no século XIX xa plantexaba o suicidio coma un fenómeno social.

  • Javier López Moríñigo, doutor psiquiatra formado na USC traballando na actualidade na área de saúde mental do hospital South West London ([email protected]).

Máis artigos do Doutor Moríñigo en QPC

Artigos relacionadas

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

comentarios