Xoves. 28.03.2024
El tiempo

VIH e COVID-19: razóns para a esperanza, e avisos

Malpica en Vermello
Concellos como o de Malpica tinguíronse de vermello para recordar o Día Internacional da loita contra o Sida
VIH e COVID-19: razóns para a esperanza, e avisos

Onte, 1 de Decembro, conmemorouse o día mundial da loita contra o VIH/SIDA. A Síndrome de Inmuno-Deficiencia Adquirida (SIDA) é unha doenza causada por un virus, o Virus da Inmuno-Deficiencia Humana (VIH). Como o nome indica, o virus, sen tratamento, ataca ao sistema inmunolóxico deixando ao individuo susceptible de infeccións, que sendo banais en suxeitos sans, poden poñer a vida en perigo (ex. neumonías graves) nestes doentes. É esta fase do proceso o que coñecemos como SIDA.

O VIH foi descuberto hai apenas 40 anos (en 1981) polos equipos liderados por Luc Montagnier e Françoise Barré-Sinoussi, quen recibirían o Premio Nobel de Medicina en 2008 por este descubrimento. Como sinalo, detrás destes dous científicos xustamente recoñecidos polo seu traballo, había dous equipos de investigación, traballando conxuntamente con outros grupos de todos o planeta. Grupos de investigación formados por investigadores novos, anónimos, con curriculum vitae brillantes (en moitos casos doutores das mellores universidades do mundo) cobrando salarios equivalentes (con sorte) a ‘mileuristas’, en contratos temporais tipo bolsa.

Algún datos actualizados por ONUSIDA no peche do 2019 sobre esta pandemia (si, esta verba non é nova) amosan o seguinte: 38 millóns de infectados (dun total de 75.7 millóns dende o inicio da pandemia), tres cuartas partes deles na África Subsahariana; uns 12 millóns de infectados (case un tercio!) sen acceso á terapia antirretroviral (hai uns meses!). En total, 32.7 millóns de persoas finaron dende o inicio da pandemia, aínda que dende o 2004 esta mortalidade baixou nun 60%.

Da loita contra o SIDA podemos extraer dúas conclusións para a esperanza na loita contra a COVID-19, e tamén dous importante avisos.

Primeira razón para a esperanza: a incidencia (proporción de novos casos por ano) da SIDA (non a prevalencia) segue a baixar gracias ás medidas de prevención primaria implementadas ao descubrir as vías de transmisión do virus (preservativos, análises e uso seguro das xeringas en transfusións, etc.), medidas que precisan do cumprimento da poboación (sónalles?). É dicir, cada ano hai ‘menos novos casos’ (menor incidencia).

Nembargantes, primeiro aviso, a prevalencia (proporción de casos no conxunto da poboación nun momento dado) segue a aumentar. Isto, que pode parecer negativo, é positivo, pero non de todo. Significa en primeiro lugar que os casos xa non morren como antes, gracias ao desenvolvemento das terapias antirretrovirales froito da investigación (segunda razón para a esperanza). Pola contra, estas terapias non ‘curan’ a doenza, croníficanna, subindo así a prevalencia. Baixa a incidencia (cada ano menos casos novos), pero sube a prevalencia (acumúlanse os casos, que nin se curan nin morren).

O VIH, cos tratamentos actuais, é unha doenza crónica e asintomática en moitos casos, coma a diabetes ou a hipertensión, puidendo disfrutar os doentes dunha calidade e esperanza de vida similar á da poboación xeral (probablemente o estigma social sexa o síntoma máis grave en moitos casos). Resulta por tanto inaceptable (segundo aviso) que existindo estas terapias, haxa aínda unha grande proporción de doentes (case un tercio, a meirande parte na África Subsahariana) sen acceso ás mesmas, condenados aos 10 anos da infección á SIDA e á morte, por non falar do mencionado estigma e a calidade de vida neses derradeiros anos.

En resumo, a investigación do VIH, paradigma de ciencia e coñecemento, primeiro co descubrimento do virus (que no caso da COVID-19 levou días); e segundo cos tratamentos antirretrovirais, permitiu o control da pandemia, acabando coa elevadísima mortalidade inicial, mensaxes ámbolos dous para a esperanza no contexto actual da pandemia por COVID-19. Por suposto, a investigación require moita financiación, que sempre (tamén cando os resultados son negativos -así sabemos se un novo tratamento non funciona, o que tamén aporta ao coñecemento-) supón un grande investimento para todos, sobre todo cando falamos da nosa saúde.

Nembargantes, aínda hoxe non temos vacinas para o VIH nin tratamentos ‘curativos’. En efecto, sería un grave erro convertir a COVID-19 (inicialmente considerada una doenza respiratoria aguda) nunha doenza crónica (moitos doentes de COVID-19 quéixanse meses despois da infección de continuar carecendo de olfato e gusto e xa temos visto casos de tromboemolismos ou encefalopatías, observacións clínicas que non permiten descartar certa cronicidade nalgúns casos). E sobre todo, tanto se descobrimos a ansiada vacina contra a COVID-19 ou só un tratamento efectivo (curativo ou non) como no VIH, sería tamén inaceptable que por falta de recursos unha grande proporción de doentes (países en vías de desenvolvemento) non tivera acceso aos mesmos.

  • Javier López Moríñigo, coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Investigador Principal na Universidade Autónoma de Madrid e Médico-Psiquiatra no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz (Madrid).

     

 

Outros artigos de Javier López Moríñigo en QPC

Comentarios