Mércores. 08.07.2020
El tiempo

Fungos insecticidas

Fungos insecticidas
Cordyceps militaris Cordyceps militaris Se damos un paseo polos nosos piñeiros nesta época de inverno e miramos con atención cara o chan, non é difícil descubrir unha especie de cravos de ata 4 centímetros de alto, máis ou menos esmagados, de cor vermella alaranxada e cubertos de granulacións. Se os desenterramos con moito coidado, coa axuda dunha navalla, descubriremos que saen directamente do corpo dunha crisálida morta de bolboreta, xeralmente da procesionaria do piñeiro. Buscando na bibliografía especializada descubrimos que é o cogomelo de un fungo chamado: Cordyceps militaris. O nome venlle da cor vermella e das ringleiras que aparecen moitas veces no chan, a modo de formación militar. Preguntaredes como chegou ata eiquí este fungo. As eirugas da procesionaria do piñeiro aliméntanse do arume de esta árbore e viven protexidas nun niño feito con unha especie de tea de araña. Cando están suficientemente desenroladas, baixan ao chan e formando largas filas buscan os lugares axeitados para enterrarse, xeralmente terreos moi pouco profundos, e mediante un movemento conxunto en espiral consiguenno en poucos minutos. Cando as eirugas fan esta viaxe xa levan pegadas as esporas do fungo nos seus largos pelos urticantes. Mentras sofren a metamorfose a ninfas, as esporas en contacto coa epicutícula do insecto hidrátanse, xerminan e excretan unhas enzimas que facilitan a penetración do fungo no corpo da eiruga. Unha vez dentro as hifas medran, producen a morte do insecto e saen a superficie polas articulacións e os ocos, dando lugar aos cogomelos. Estos pequenos cogomelos de cor vermella alaranxada producen as esporas que a través do vento e das choivas terminarán contaminando a outras eirugas. Cordyceps militaris é un ascomycete especializado en parasitar e matar ninfas de bolboretas, é un entomopatóxeno, un fungo insecticida. Dentro do orden Hypocreales, na familia Clavicipitaceae hay varias especies do xénero Cordyceps que parasitan e matan insectos: C. ophioglossoides, C. sinensis, e outros xéneros como Ophiocordyceps sphecocephala que parasita himenópteros, Isaria farinosa ou Beauveria bassiana, pero o grupo máis extenso de entomopatóxenos está no orden Laboulbeniales. Laboulbeniales está composta por 140 xéneros e máis de 2.000 especies, todos éles ectoparásitos de insectos, sobre todo coleópteros e dípteros. Son insectos que invernan e viven en lugares húmidos. Son fungos moi especializados, tanto a nivel da especie parasitada como da parte do insecto que parasitan. Produtos que teñen como principal componente estas esporas estanse usando como insecticidas biolóxicos, sendo as especies máis comúns: Beauveria bassiana, Verticillium lecanii ou Metarhizium anisoplinae. Na fotografía pode verse como un grupo de eirugas intenta enterrarse ao carón de outras xa parasitadas por Cordyceps militaris.
  • José Manuel Castro Marcote (jmcmarcote[arroba]quepasanacosta.gal).

Artigos micolóxicos de José Manuel Castro Marcote

Novas relacionadas

comentarios