Xoves. 02.05.2024
El tiempo

A Pipa de Corredoira: Cursos de adestrador para o Fútbol da Costa

A Pipa de Corredoira: Cursos de adestrador para o Fútbol da Costa
Corredoira nunha clase do curso de adestradores de Dumbria

O pasado mes de setembro deu comezo, nas instalacións de O Conco, en Dumbría, a primeira edición dos cursos de monitor de fútbol base para adestradores de equipos de categorías de base na zona da Costa da Morte.

Baixo a organización da Escola Galega de Adestradores, dirixida por Manuel Mosquera, adestrador de nivel 3 e actualmente á fronte do Laracha CF de Terceira División, decidiuse convocar o curso de monitor de fútbol base para todos aqueles que, sen ningún tipo de titulación, dirixen a equipos de Cadetes local, Infantil local, alevíns, benxamíns e prebenxamíns.

Partindo da base de que, a partir da tempada 2014/2015, a Federación Galega de Fútbol esixirá a citada titulación para poder adestrar e dirixir equipos das citadas categorías, esperábase que houbese un bo número de persoas con inquietudes e que quixesen aumentar os seus coñecementos inscribíndose no mesmo.

E a verdade é que a convocatoria resultou un éxito de asistencia, pois 35 inscritos alcanzarán, se non hai problemas, a titulación para poder exercer como técnicos nos diferentes clubs da zona da Costa da Morte a partir da próxima tempada.

Baixo a coordinación do vimiancés Miguel Filgueira, técnico de nivel 3 e actualmente á fronte do Atlético Arteixo de 1ª Autonómica, os alumnos reciben, dous días á semana e sete horas de clase cada semana, as asignaturas de Táctica, Técnica, Adestramento Deportivo, Metodoloxía, Psicología, Medicina Deportiva, Dirección de Equipos, Reglamentación Deportiva e Regras de Xogo.

Xunto con Miguel, os profesores encargados de impartir as diferentes asignaturas son Ambrosio Oróns, Licenciado en Educación Física e adestrador de Nivel 3; Francisco Javier Rodríguez Campos, árbitro de fútbol e responsable da asignatura de Regras de Xogo no Comité de Árbitros e na Escola Galega de Adestradores, e quen escribe estas liñas, Manuel González Corredoira, adestrador de nivel 3, e cos cursos de Director Deportivo pola RFEF e Experto Universitario en Adestramento Deportivo e Psicología Aplicada, outorgado pola UNED de Madrid e dirixido polo doutor José María Buceta e actualmente adestrador do Castriz SD e director da Escola Municipal de Fútbol base do Xallas de Santa Comba C.F.

O curso desenvolverase ata o mes de decembro de 2013, nas magníficas instalacións cedidas para tal evento polo Concello de Dumbría, co seu alcalde José Manuel Pequeno á fronte e coa inestimable colaboración dos membros do corpo técnico do Dumbría C.F. nas súas diferentes categorías.

Este curso pode ser preámbulo de que, na Costa da Morte, poidan volver celebrarse os cursos de nivel 1, 2 e 3 en vindeiros anos, se o número de inscritos se mantén en diferentes convocatorias, pois é moi posible, en vista do gran interese que espertou esta primeira convocatoria, que no mes de marzo de 2014, se convoque a segunda edición do curso de Monitor de Fútbol base.

Sen dúbida, esta iniciativa da Escola Galega de Adestradores, que está realizando diferentes cursos noutras localidades de Galicia, vai a potenciar e elevar, cada vez máis, o nivel dos responsables que están á fronte dos nenos, o que, sen dúbida, beneficiará considerablemente o nivel destes na súa formación como persoas, primeiro, e como futbolistas, despois.

Haberá que esperar para coñecer se esta nova experiencia mantén a súa continuidade, o que a Escola desexa ferventemente, pois todo o que sexa mellorar e facer medrar os coñecementos de todos aqueles a os que lles gusta traballar con nenos, debe atopar resposta nos clubes da nosa zona.

Na convocatoria actual hai alumnos de Fisterra, Cee, Ponteceso, Dumbría, Santa Comba, Coristanco, Muros, Vimianzo e moitas outras zonas que seguro se me quedan no tinteiro, pero hai moitos outros que, por diferentes motivos e problemas, non puideron inscribirse nesta primeira convocatoria e seguro que o farán nas próximas, pois, repito, a partir da temporada 2014-15 ó 2015-16, para poder adestrar aos equipos de fútbol base será absolutamente necesaria esta nova titulación.

Moitas grazas a todos pola vosa colaboración e o voso traballo e esperamos, a Federación Galega de Fútbol, a Escola Galega de Adestradores e os profesores que impartiremos o curso, que sexa do voso interese e logremos o noso obxectivo de formar un poquito máis a todos os que teñan a responsabilidade de estar a fronte dos equipos de nenos, o máis importante e a verdadeira razón do noso deporte.

  • Manuel A. González Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, e actual adestrador do Castriz.

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios