Venres. 29.03.2024
El tiempo

As cartas do avó Pascasio: Homenaxe a Amelita Baltar

As cartas do avó Pascasio: Homenaxe a Amelita Baltar

Moi querida neta Cristina:

Tesme que perdoar si ando sempre con historia galegas para propoñerche. Teño que aproveitar, logo de outubro, non estás. Aínda que Daniel é moi “piola”, non teño confianza como para escribirlle con chamuyadas gayegas. Na última reunión da agrupación falou o compañeiro Gumersindo Díaz que aínda que naceu en Laxe [acordarasche que é o mesmo municipio do pai de Rodolfo García] desenvolveu a súa actividade laboral ---antes de emigrar ao barrio de Palermo--- a beiras do río Grande; na comarca denominada Terra de Soneira. É un tipo bárbaro e ademais coincide comigo na profesión, é sastre.

O que che quero contar é que o noso amigo é o pai da gran cantante Stella Díaz. Tróuxonos grabaciones de actuacións de “As do Abasto”; así se chama o grupo tanguero feminino no que Stella pon a súa voz e a súa paixón de filla da emigración. Actuaron na ?Casa Rosada? pero alí non era o lugar para contarche que o seu pai é amigo meu. Gustounos moito a súa homenaxe ás grandes mulleres do tango. Vendo o DVD “Minas de Tango” coñecemos a grandes figuras como Azucena Maizani, Mercés Simone, Tita Merello ou Eladia Blázquez. Stella formouse na Escola de Música Popular de Avellaneda.

Logo de aplaudir a “As do Abasto” [Amanda en contrabajo, Paula en bandoneón, Mercés en clarinete, Valeria en violín] o bo de Gumersindo comentounos a alegría que sentía de ver á súa filla e esposa de viaxe por Galicia. Están aloxadas na casa dunha tía materna de Stella que vive na aldea de Muriño, ao ladito das históricas Torres do Allo [Zas]. A desgraza golpeouno o 27 de outubro de 2005 na súa casa da rúa José Martí. Cáenselle unhas bágoas. Imaxínase paseando pola feira de Baio. Comendo os callos en “Casa Cruz”. Cando se repón un pouco da emoción infórmanos que a súa filla pequena [ten outras tres] ten en mente a realización dunha gran homenaxe de Amelita Baltar.

Pídeme que cho comunique. Preguntaraste: Amelita é “gayega”? Claro, así é. O apelido Baltar é auténtico galego. Provén dun antropónimo e Baltar é un municipio de Ourense. Quizais a familia máis coñecida con este apelido sexan os descendientes da nobre estirpe do doutor Anxo Baltar Cortés [1868-1934], o famoso santiagués “Mestre de Cirujanos” que tivo dous fillos médicos, Ramón e Antonio. O primeiro quedouse en Galicia e o segundo emigró a Bos Aires. A nosa Amelita descende desta saga de ilustrados científicos que eran galleguistas, republicanos e moi amigos de Alfonso Rodríguez Castelao.

A figura de Amelita quedou un pouco oculta detrás do inmenso Piazzolla pero é evidente que ten gran valor como muller e como artista de recoñecido talento creativo. Stella quéixase de que é frecuente celebrar homenaxes logo de morta acódea pero en vida témolos esquecidos. Necesita da colaboración de Teresa Parodi e Rodolfo García. Nós, os avós emigrantes, desexamos unha gran festa na “Balea Azul” que una a todos os arxentinos cos agradecidos galegos que atoparon acubillo xunto á bandeira de Belgrano. A nosa Stella é unha piba de lei, coas cousas claras: Para cantar un tango teño que crerme o que di, tenme que facer vibrar desde o principio ata que termina.

Despídome -supoño terás reunión urxente con Aníbal para analizar o novo desatino do sector mafioso xudicial que segue empeñado en non respectar a vontade popular--- pídoche lle comentes á ministra Parodi que reciba á nosa neta Stella e que a axude a organizar a homenaxe a doña Amelita. Recibín o abrazo cariñoso do vello fonsagradino que aínda mantén o aroma dos carballos de Mazaeda nos seus pulmóns.

- Pascasio Fernández Gómez.
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios